O Sergas presenta ás centrais sindicais un novo sistema de contratación telemática para as ofertas de vinculación temporal

Na liña de modernización, mellora da xestión e maior transparencia.

Martes, 25 de abril de 2022.- Xunta de Galicia

O actual pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia foi publicado no diario oficial de Galicia o 30 de xuño de 2016. Neste pacto contemplábase unha duración do mesmo ata o 31 de decembro de 2020, prorrogándose a súa vixencia ata a formalización do novo pacto ou norma que o substitúa, tras a negociación correspondente. Actualmente a administración sanitaria e as centrais sindicais, CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, están negociando as bases deste novo pacto que substituirá ao do 2016, coa clara intención de renovar e adaptar aos tempos vixentes o réxime de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde.

Nesta liña de modernización, mellora da xestión e maior transparencia nas ofertas de selección temporal do Servizo Galego de Saúde, unha das principais novidades que se pretende levar a cabo é a substitución do actual sistema de chamamento telefónico por un procedemento xeral telemático ou procedemento de contratación electrónica.

Hai que sinalar que na reunión que tivo lugar, a administración sanitaria, no grupo de traballo creado para a negociación deste novo pacto, presentou ás centrais sindicais, entre outras achegas, o funcionamento deste sistema de contratación telemática, observando unha boa recepción pola súa parte e acordando mutuamente un prazo de quince días para que estas poidan presentar as súas suxestións ou novas aportacións.

Acceso a través de Chave365 ou certificado dixital

Este novo procedemento telemático permitirá a todos os aspirantes inscritos nas listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde, cando haxa ofertas de vinculación dispoñibles e previa comunicación vía sms e/ou correo electrónico, acceder a un aplicativo informático onde poder ver todos os contratos ofertados para a súa categoría/especialidade e seleccionar de entre eles os que máis lles interesen por orde de preferencia. O acceso a este módulo de contratación telemática efectuarase a través de Chave365 ou certificado dixital.

A continuación, unha vez finalizado o prazo de selección de contratos, o sistema, nesa mesma xornada, procederá á adxudicación automatizada das ofertas de vinculación visibles entre os aspirantes que tiveran participado no proceso, en función da súa orde de posición nas listas.

Todas as persoas aspirantes que tiveran seleccionado algún nomeamento, resultasen ou non adxudicatarios do mesmo, recibirán confirmación vía sms e/ou correo electrónico do resultado da súa participación.

No suposto de resultar adxudicatario, recibirán ademais o enlace para a visualización do nomeamento temporal asignado e unha indicación coa data, hora e lugar onde deben presentarse para o inicio da prestación de servizos. Neste caso, a sinatura da toma de posesión do nomeamento adxudicado efectuarase dixitalmente a través do aplicativo informático, sen necesidade de que o aspirante teña que desprazarse ao centro.

Axilización, modernización e simplificación

Ademais, hai que ter en conta que estas listas están abertas para posibles novas inscricións todos os días do ano, coa posibilidade de anotarse por diferentes vías de acceso, con opcións de sublistas para persoal con formación específica en determinadas áreas especiais, cun sistema de suspensión de chamamentos en caso de que o aspirante o solicite e cun réxime de oferta de melloras de contratación segundo a lista en cuestión.

As diferentes particularidades nas listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde implican que o manexo das mesmas, cun número tan grande de aspirantes inscritos e unha oferta moi elevada de vinculacións diarias, sexa dunha enorme complexidade. O que se pretende conseguir coa implantación deste novo procedemento de contratación telemática e a axilización, modernización e simplificación, tanto en beneficio da administración como dos propios aspirantes, da xestión das mesmas.

Comparado co actual sistema de chamamento telefónico, as principais vantaxes que este novo procedemento de contratación telemática reportará aos aspirantes inscritos nas listas de contratación temporal do Servizo Galego de Saúde serán as seguintes:

  • Modernización do sistema: substitúese a chamada de teléfono por un aplicativo telemático de acceso seguro.
  • Maior transparencia na xestión: os aspirantes non estarán a expensas do que se lles diga por teléfono, permanecendo todas as ofertas de vinculación visibles, para o seu estudo e análise, no aplicativo telemático.
  • Maior tempo de reflexión.
  • Maior axilidade na xestión.
  • Horario de recepción de ofertas polos aspirantes claramente definido.

Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.