A rede galega de parques sen fume da Xunta iníciase na provincia de Ourense cos concellos da Merca e o Pereiro de Aguiar

Principal Visto: 316

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, asistiron hoxe ao acto de colocación da sinalización da Rede de “Parques sen Fume” no parque A Merca. Grazas a esta iniciativa do Goberno galego, A Merca e O Pereiro de Aguiar convértense no primeiros concellos da provincia de Ourense en contar con parques libres de fume de tabaco.


Sala de prensa Sergas (14/02/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas
O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, asistiron hoxe ao acto de colocación da sinalización da Rede de “Parques sen Fume” no parque A Merca. Grazas a esta iniciativa do Goberno galego, A Merca e O Pereiro de Aguiar convértense no primeiros concellos da provincia de Ourense en contar con parques libres de fume de tabaco. 
O delegado da Xunta e a directora xeral de Saúde, animaron a que máis concellos se adhiran a esta rede e agradecéronlle ao alcalde, José Manuel Garrido Sampedro, a súa boa acollida desta iniciativa e a súa aposta por proporcionarlle á veciñanza máis espazos públicos sen fume. Así mesmo, a través da Rede Parques sen Fume, iniciada en xaneiro de 2023 na Estrada, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo 18 os concellos adheridos en toda Galicia.
Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego persegue o obxectivo de crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas. Neste sentido, este programa, que se acaba de por en marcha, é un fillo directo doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco. En concreto, na provincia de Ourense, son 11 concellos e 13 praias fluviais.
Segundo a directora xeral de Saúde Pública, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí, que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.
As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Tanto o delegado da Xunta como a directora xeral destacaron a importancia que ten seguir promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco.
Compromisos
Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren unha serie de compromisos entre os que se atopan a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.
Imprimir