Nos últimos nove anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 225 casos en 2012 a 109 no ano 2022.
Sala de prensa Sergas (30/11/2023)
Nos últimos nove anos estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia de VIH en Galicia pasando de 225 casos en 2012 a 109 no ano 2022. A incidencia de VIH en 2022 foi de 4,1 infeccións por 100.000 habitantes, moi inferior á do ano 2021 en España, último ano dispoñible, que foi de 7,4 casos. Estes datos despréndense dun informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a situación do VIH-SIDA e outras infeccións de transmisión sexual en Galicia, que hoxe abordou o Goberno galego na súa reunión semanal.
Remarcar que o vindeiro 1 de decembro conmemórase o Día Mundial da Sida, cuxa celebración servirá para seguir formando e informando a profesionais e cidadanía sobre o VIH e as principais medidas de prevención.
Como actualmente a infección polo VIH non ten tratamento curativo, Sanidade lembra que a prevención da transmisión da infección é o máis importante neste problema de saúde; e dado o patrón de transmisión maioritariamente pola vía sexual, o fomento de prácticas de sexo seguro é de especial importancia, sobre todo nas franxas de idade máis vulnerables.
En consonancia co anterior, é importante lembrarlle á poboación galega que arredor do 8% da poboación infectada polo VIH non sabe que o está. Polo tanto, tamén é preciso difundir a importancia da detección precoz, tanto para obter un mellor prognóstico da enfermidade como para cortar as cadeas de transmisión a outras persoas.
Remarcar que, en relación ao gasto en tratamentos antirretrovirais, os datos dos últimos anos reflicten un custe anual en Galicia de máis de 30 millóns de euros, para abordar a un número aproximado de 5.000 persoas a tratamento cada ano na nosa comunidade, o que reflicte o impacto desta enfermidade no sistema sanitario.
No que atinxe aos diagnósticos de infección polo VIH no período que vai dende 2004 a 2022, o informe sinala que se rexistraron un total de 3.268 novos diagnósticos de VIH, cunha media anual de 172 infeccións. Isto supón unha media de 6,3 casos ao ano por 100.000 habitantes, o que sitúa a Galicia por debaixo da incidencia anual española, que é de 9,7 infeccións.
Polo que se refire aos casos de sida de 1984 ao 2022, diagnosticáronse un total de 4.330 dende o ano 1984, cando apareceu o primeiro deles. A evolución foi ascendente ata 1996 (cando se acadou o máximo de 13,2 casos/100.000 habitantes). Ao respecto sinalar que os logros na prevención e no tratamento da enfermidade fixeron diminuír esa incidencia ata os niveis actuais de 2022, onde se diagnosticaron 14 casos, o que supón unha incidencia de 0,5 por 100.000 habitantes.
No que atinxe á Mortalidade polo VIH-Sida no período 1984 a 2021, producíronse en Galicia un total de 3.181 mortes polo VIH, cunha diminución moi importante dende o ano 1995, no que se deu o maior número con 293 mortes (10,7 casos por 100.000 habitantes) ata o último dato dispoñible, do 2021 con 12 mortes (0,45 por 100.000 habitantes).
O informe sinala que as probas rápidas de detección do VIH ofrecen, ademais da vantaxe de facilitar o diagnóstico precoz, a posibilidade de chegar a colectivos con escaso contacto cos servizos de saúde ou reticentes a acudir a eles. Dende o comezo deste programa en 2011 fixéronse 9.231 probas rápidas de VIH, das cales 145 foron positivas (1,6 %).
Outro dato a destacar do informe é que son as provincias da Coruña e Pontevedra as zonas con maior incidencia de infección polo VIH de Galicia. Respecto da distribución por sexos dos casos de VIH acumulados, o 81 % pertence ao masculino. En canto á idade, o 76 % de todos os casos tiña no momento do diagnóstico da infección entre 25 e 49 anos, sendo os maiores de 49 anos o 16 % dos casos.
A idade media no momento do diagnóstico da infección rolda os 38 anos, con valores similares en homes (38,3) e mulleres (39,1), aínda que as mulleres amosan unha tendencia máis irregular e tendente ao aumento de idade nos últimos anos.
O VIH transmítese maioritariamente por vía sexual. No patrón epidemiolóxico da transmisión do virus predomina a vía sexual, cun 80 % dos casos (44 % relacións entre homes que teñen relacións sexuais con outros homes e 36 % heterosexual).
Ao longo do período e sen variacións anuais significativas, o 50 % dos novos diagnósticos de infección presentan diagnóstico tardío, o que remarca a necesidade de seguir impulsando actividades para conseguir mellorar o diagnóstico precoz, cuestión que é prioritaria para obter o máximo beneficio, individual e colectivo, dos avances na prevención e o tratamento da infección polo VIH.
No que respecta a outras infeccións de transmisión sexual (ITS), o informe sinala que a sífilis e a gonococia mostra unha lixeira tendencia ao aumento nos últimos anos.
Son varias as campañas preventivas da Consellería de Sanidade que promoven o sexo seguro na nosa Comunidade. Entre elas, inclúense as de difusión de mensaxes preventivas a través de redes sociais. Ademais, o departamento sanitario galego ten en marcha o Programa de promoción do preservativo que distribúe gratuitamente este material a través de entidades colaboradoras. Tamén conta coa iniciativa Xente con Don, iniciada no curso 2016-2017, e que se oferta dende entón aos centros de ensinanza secundaria e de formación profesional de Galicia.
Remarcar que, ao longo destas xornadas previas ao Día Mundial da Sida, Sanidade vai facer unha distribución de material divulgativo a todos os centros de ensinanza secundaria e formación profesional de Galicia, aos centros de atención primaria e hospitais do Sergas, así como a centros sanitarios privados, unidades de asistencia a drogodependencias, Institucións Penitenciarias que existen en Galicia, centros Quérote+ e numerosos concellos e entidades privadas sen ánimo de lucro que colaboran co Plan galego anti VIH/sida e outras ITS ao longo do ano.
Esta campaña desenvolverase en consonancia co lema de ONUSIDA deste ano: “Que lideren as comunidades”, xa que é imprescindible que as comunidades que viven co VIH, e que corren o risco de contraelo ou que se vén afectadas polo virus, participen na loita para poñer fin á sida.
Outros programas exitosos da Consellería de Sanidade na prevención do VIH, e que se seguen a desenvolver na actualidade na nosa Comunidade, son o de intercambio gratuíto de xiringas e o de venda subvencionada de kits de inxección hixiénica, que reduciron dun xeito importante a aparición de novos casos de VIH asociados á vía de compartir material de inxección de drogas.
Outra das liñas estratéxicas nas que se traballa dende a Dirección Xeral de Saúde Pública é o fomento do diagnóstico precoz do VIH en Galicia, e varias son as actuacións que se levan a cabo:
• Facilitación de probas rápidas, que empregan unha mostra de saliva, e son gratuítas, anónimas e están accesibles á comunidade a través de entidades colaboradoras situadas nas catro provincias galegas.
• VIXHIA MÓBIL: Pilotaxe dun programa en lugares de ocio da cidade da Coruña e outros lugares de interese, a través dunha unidade móbil que proporciona información e facilita a realización de probas rápidas para a detección precoz de VIH e Hepatite C.
• URXENCIAS VIXIA: Programa implementado nos servizos de urxencias do Sergas para a detección precoz de VIH en determinadas situacións de interese.