A Xunta aprobará unha guía de acompañamento da muller e contacto pel con pel na cesárea para todas as áreas sanitarias

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá a XVI Xornada de Saúde Perinatal e Reprodutiva, que anualmente organiza a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). 


Sala de prensa Sergas (28/11/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas


 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá a XVI Xornada de Saúde Perinatal e Reprodutiva, que anualmente organiza a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS). Así, durante o encontro o titular de Sanidade adiantou a vindeira aprobación dunha guía común para o conxunto das áreas sanitarias galegas, no referido ao acompañamento da muller e o contacto pel con pel na cesárea.

Segundo indicou o conselleiro, o departamento sanitario da Xunta está a deseñar, desde o pasado mes de outubro, un documento de referencia que ten por obxectivo de homoxeneizar o proceso de atención ao parto -e posparto-, e no que se prestará especial atención ao contacto pel con pel entre nai e neonato, durante alomenos os primeiros 70 minutos, tras o nacemento.

“A previsión é que esta guía estea dispoñible para a súa aplicación no primeiro trimestre de 2024”, apuntou Comesaña, ao tempo que agradeceu a implicación do conxunto de profesionais que interveñen na atención á saúde sexual e reprodutiva da muller.

O Servizo Galego de Saúde conta con diversos protocolos asistenciais e guías vencelladas á atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, co ánimo de dar resposta ás súas necesidades e problemas de saúde ao longo da vida.

Entroutras, o conselleiro destacou o Programa de abordaxe de disfuncións do solo pelviano feminino na atención primaria do que, desde o ano 2017, xa se beneficiaron máis de 8.000 mulleres galegas. Así mesmo, -remarcou o conselleiro- xa se realizaron máis de 1.700 consultas no conxunto de unidades funcionais de solo pelviano coas que conta a rede sanitaria pública galega.

“Na actualidade, estamos inmersos nun proceso de revisión da Guía de abordaxe de disfuncións do solo pelviano feminino  en atención primaria”, abundou Comesaña, avanzando que a nova actualización, “incluirá a derivación ás Unidades funcionais multidisciplinares de solo pelviano” e tamén “un Programa individualizado de reeducación do solo pelviano”.

Acompañado pola subdirectora de Atención Primaria, Sinda Lobeiras; e a xefa de servizo de Atención Primaria do Sergas, Teresa Rey; no peche da súa intervención Comesaña remarcou o traballo realizado polo comité organizador desta Xornada, así como a calidade dun programa no que algún dos temas a abordar será a nutrición ao longo das etapas da vida da muller; o uso de probióticos en xinecoloxía e obstetricia; ou a abordaxe multidisciplinar das disfuncións do solo pelviano durante o posparto. 


Imprimir  
We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.