O programa galego de prevención e control da tuberculose consegue reducir a incidencia da enfermidade en case un 40%

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; participou esta tarde en Vigo, na XXVIII Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias, unha xuntanza na que puxo en valor a consecución dos obxectivos do Programa galego de prevención e control da Tuberculose, ao lograr rebaixar a incidencia desta enfermidade nun 39,4%, se se comparan os datos do ano 2015 e do ano 2021.

 Sala de prensa (24/03/2023) Fotografía: Sala de prensa Sergas

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; participou esta tarde en Vigo, na XXVIII Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias, unha xuntanza na que puxo en valor a consecución dos obxectivos do Programa galego de prevención e control da Tuberculose, ao lograr rebaixar a incidencia desta enfermidade nun 39,4%, se se comparan os datos do ano 2015 e do ano 2021.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Saúde Pública cumpre amplamente cos obxectivos establecidos no programa galego, no que se fixaba acadar un descenso do 25%, na comparativa entre os datos do ano 2015 e do ano 2020. 

Con motivo do Día Mundial daTuberculose, Alberto Fuentes remarcou que  Galicia conta cun programa de prevención e control da enfermidade “perfectamente estruturado, que está dotado cun sistema epidemiolóxico de vixilancia específico, e ao que hai que engadir o traballo, esforzo e coordinación dos profesionais da sanidade galega”. 

Nesta liña, apuntou que os datos favorables que rexistra a comunidade galega no seu control son produto de, entre outras medidas: a creación das 7 Unidades de tuberculose, a formalización do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia, a incorporación de equipos de traballo social; ou a creación da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos.

No acto, no que tamén participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto; e o presidente da Sociedade Galega de Patoloxía respiratoria, Alberto Fernández Villar; Fuentes Losada incidiu en que “debemos seguir traballando de maneira coordinada”,  e salientou que, malia os bos datos, “non se pode baixar a garda no control e prevención da enfermidade”. 

Neste senso, avogou por incorporar diferentes estratexias de intervención que a completen, dun xeito prioritario, en catros aspectos: o mantemento da pericia clínica e de saúde pública nun período de diminución de casos;  a diminución nos tempos de diagnóstico, o estudo dos contactos dos casos de tuberculose e, finalmente; na prevención do desenvolvemento da enfermidade na poboación vulnerable que vive en Galicia con infección tuberculosa. 

Situación actual da Tuberculose en Galicia

A tuberculose é unha enfermidade da que se ten constancia desde o ano 1882, cando o doutor Robert Koch descubríu a bacteria que produce esta patoloxía. Así, trátase da patoloxía infecciosa máis prevalente no mundo, e representa un dos maiores problema de saúde pública (non só un problema individual), dado que se trata dunha enfermidade contaxiosa por vía aérea e, un enfermo sen tratar, implica o risco de transmisión ao resto da comunidade.

Segundo se desprende da derradeira análise realizada pola Dirección Xeral Saúde Pública, desde o ano 1996 o número total de casos vencellados á tuberculose en Galicia descendeu nun 82% -pasando de 1.963 casos a 353 no 2021-, ou o que é o mesmo, a incidencia reduciuse do 71,8 a 13,1 casos por 100.000 habitantes.

Entre outros datos, tamén  revela a observación dun novo perfil de paciente, ao presentarse casos en idades máis avanzadas e con outras patoloxías asociadas, sobre todo, aquelas que afecta ao sistema inmunitario.

O estudo reflicte que no 2021 preto do 60% dos casos presentáronse en homes e, atendendo aos grupos de idade, a incidencia máis alta rexistrouse nos maiores de 74 anos. Así mesmo, o 3,1 % foron nenos (menores de 15 anos), a menor porcentaxe da serie histórica. 

Entre os factores de risco da enfermidade, destacase como o principal o tabaquismo, presente no 23,5 % dos casos. Así, o estudo tamén constata a curación do 96,7 % dos casos, que iniciaron o tratamento no 2020.

Outros indicadores do bo control que se fai na nosa comunidade refírense á baixa porcentaxe da tuberculose multirresistente aos fármacos antituberculosos e o alto índice de resultados satisfactorios dos tratamentos instaurados. 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.