A Xunta renovará nas vindeiras semanas todo o mobiliario das habitacións do Hospital Comarcal de Valdeorras

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Hospital de Valdeorras, para ver o avance nas obras de reforma que está a permitir ampliar o hospital de día onco-hematolóxico e mellorar as áreas de preparación e de recuperación na unidade de cirurxía maior ambulatoria, o que vai posibilitar incluír máis procedementos cirúrxicos e modernizar as instalacións da farmacia hospitalaria. Trátase dun investimento de 1,2 millóns de euros que avanza, -remarcou o conselleiro-, “a un ritmo que nos vai permitir concluír estas tres obras antes de finalizar o ano”.

 Sala de prensa Sergas (20/09/2022)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Hospital de Valdeorras, para ver o avance nas obras de reforma que está a permitir ampliar o hospital de día onco-hematolóxico e mellorar as áreas de preparación e de recuperación na unidade de cirurxía maior ambulatoria, o que vai posibilitar incluír máis procedementos cirúrxicos e modernizar as instalacións da farmacia hospitalaria. Trátase dun investimento de 1,2 millóns de euros que avanza, -remarcou o conselleiro-, “a un ritmo que nos vai permitir concluír estas tres obras antes de finalizar o ano”.

O titular da carteira sanitaria, quen estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, así como polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, sinalou que “o Sergas xa ten adquirido, por preto de 213.000 euros, os equipamentos da nova farmacia e, para a nova zona de consultas, hai equipamento mercado por máis de 130.000 euros”. 

En conxunto, hai investimentos en marcha neste hospital, -remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego-, “por importe de 1,8 millóns de euros en obras e de 950.000 en equipamento tecnolóxico para mellorar a prestación sanitaria”.

Comesaña sinalou, así mesmo, que existe outro equipamento non tecnolóxico que o persoal e os usuarios reclamaban, como é o mobiliario das habitacións. Ao respecto, “o Sergas investirá 370.000 euros para esa renovación integral de 106 camas, 106 mesillas e 106 sillóns neste hospital”.

 O conselleiro comprobou in situ como queda a primeira habitación piloto e agora, ao longo das vindeiras semanas, “se instalará progresivamente o mobiliario no resto das habitacións para iniciar o próximo ano cunha renovación total da comodidade da funcionalidade, e mesmo do aspecto de todas as habitacións de hospitalización deste edificio”.

 En consecuencia, o Hospital de Valdeorras, -incidiu o máximo responsable do Sergas-, “vai ter un investimento global de máis de tres millóns de euros en obras, tecnoloxía e mobiliario”. 

 

Dotación de persoal

“Esta importante aposta de máis de tres millóns de euros non fai que nos esquezamos do esencial”, -dixo o conselleiro-, “que é contar con dotación de persoal suficiente para que eses novos servizos, esa nova tecnoloxía e esas novas habitacións do hospital,  “estean atendidas por profesionais dabondo para prestar unha atención sanitaria áxil”. Ao respecto, Comesaña remarcou que “a Xunta segue a actuar no eido das súas competencias para garantir a provisión de persoal no conxunto dos hospitais comarcais”. Así, onte mesmo rematou o prazo para elixir destino na oferta pública de emprego para traumatoloxía e medicina interna, “coa que se poderán cubrir seis prazas neste hospital”.

Tamén onte mesmo, a Xunta rexistraba no Parlamento o Proxecto de lei de medidas extraordinarias para a provisión de prazas de difícil cobertura no Sergas. “Esta é unha lei que vai máis aló do que nunca foi ningunha comunidade autónoma para incentivar estas prazas” e habilita ao Executivo galego, -incidiu o conselleiro-, a poder convocar, por concurso de méritos e sen oposición, prazas de especialidades sanitarias con díficil cobertura nos hospitais comarcais. Toca agora a tramitación parlamentaria e agardamos, -dixo o responsable do Sergas-, “apoio maioritario para esta iniciativa”. Esta norma dá ademais un rango legal a outros incentivos que a Xunta leva tempo desenvolvendo para o persoal que ocupa estas prazas.

En consecuencia, o conselleiro remarcou que “a Xunta segue a demostrar que ten unha visión a longo prazo do sistema sanitario público galego, no que os comarcais teñen un papel fundamental”. Así foi coa reforma da Lei de Saúde de 2018, que blindou os hospitais comarcais coa creación dos distritos, e continúa a ser con esta nova lei de medidas extraordinarias de provisión de prazas.

Na súa intervención, Comesaña remarcou que “a Xunta segue á espera de que o Goberno de España regule os incentivos para o exercicio da sanidade en prazas de difícil cobertura”, cumprindo un acordo do Consello Interterritorial de Saúde, que está pendente dende 2018.

Para rematar as súas verbas, Comesaña “agradeceu ao persoal deste hospital o traballo que realiza”. Para eles, e para os pacientes, o conselleiro deixou a mensaxe de que “Valdeorras e o resto de hospitais comarcais están sempre nas prioridades da Xunta á hora de lexislar, á hora de dotar de persoal e á hora de facer investimentos en mobiliario, tecnoloxía ou obras de reforma”.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.