A Xunta destaca no Congreso dos Deputados o éxito do plan galego de vacinación co que cumpliu con semanas de antelación os obxectivos establecidos polo Goberno de España

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, compareceu esta tarde ante a Comisión de Investigación sobre a xestión das vacinas e o Plan de Vacinación en España, nunha intervención na que destacou o éxito do Plan Galego de Vacinación, co que o departamento sanitario da Xunta puido cumprir con semanas de adianto os obxectivos fixados na Conferencia de Presidentes celebrada o pasado decembro e que foron enunciados polo Goberno de España.

Sala de prensa (07/02/2022) Servizo Galego de Saúde.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, compareceu esta tarde ante a Comisión de Investigación sobre a xestión das vacinas e o Plan de Vacinación en España, nunha intervención na que destacou o éxito do Plan Galego de Vacinación, co que o departamento sanitario da Xunta puido cumprir con semanas de adianto os obxectivos fixados na Conferencia de Presidentes celebrada o pasado decembro e que foron enunciados polo Goberno de España.

Así, Galicia xa cumprira a unha semana da celebración desa Conferencia o obxectivo que se marcou para finais de 2021 de ter vacinada coa terceira dose ao 80% da poboación de 60-69 anos; adiantouse un mes á meta marcada para a inoculación con dose de reforzo do 80% da poboación de entre 50 e 59 anos (conseguiuno o 23 de decembro fronte á data fixada de 24 de xaneiro) e case dous meses á data límite fixada para acadar o 80% da poboación de 40-49 anos con dose de reforzo (conseguido o 17 de xaneiro cando o obxectivo estaba fixado no 7 de marzo). Galicia tamén se adiantou aos obxectivos acordados a nivel nacional sobre vacinación infantil: fronte a un horizonte de chegar ao 70% deste grupo coa primeira dose o 7 de febreiro, Galicia logrouno o 15 de xaneiro.

Durante a súa intervención, Durán relatou o conxunto de medidas adoptadas desde o pasado 23 de decembro de 2021, data na que se elaborou a primeira das versións do Plan galego de vacinación. Así, a titular de Saúde Pública destacou a eficacia da campaña galega de vacinación cualificándoa como “exitosa”, e cuxa xestión “está avalada polos resultados” pois, Galicia sempre se mantivo entre os territorios que lideraron este proceso. Neste senso, remarcou a titular de Saúde Pública, a comunidade galega é na actualidade o territorio con maior porcentaxe de poboación maior de 12 anos coa pauta completa de vacinación cun 94,5%, polo 90,8% que rexistra a media nacional e lidera as porcentaxes de vacinación de dose de reforzo, chegando a dobrar a media nacional en algúns dos grupos de idade.

Así mesmo, comunidade galega conta coa maior porcentaxe de vacinación de menores con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos, aos que se lles administrou a primeira dose, superando en case 30 puntos a porcentaxe media do conxunto de España.

A directora xeral de Saúde Pública destacou como fundamentos da eficacia do proceso de vacinación en Galicia os sistemas de citación masiva, a organización da loxística do reparto das doses con garantía de trazabilidade, a constitución de equipos de vacinación específicos en recintos masivos e fora dos centros de saúde, a coordinación constante entre as distintas ramas da administración sanitaria e sociosanitaria e a transparencia constante sobre os datos do proceso.

Falta de transparencia nos criterios de reparto e incerteza nas entregas

Con todo, Carmen Durán lamentou a carencia de vacinas e os continuos cambios nas datas de entrega das mesmas, uns problemas de distribución que imposibilitaron planificar coa antelación necesaria as programacións de cada semana e obrigaron á administración autonómica a preparar sempre varias alternativas prevendo as eventualidades.

Nesta liña, a directora xeral de Saúde Pública trasladou o desacordo de Galicia co feito de que o Goberno de España nunca fixera públicos e transparentes os criterios de reparto das vacinas, tal e como se solicitou desde a Xunta. Nese sentido, amosou tamén a súa desconformidade en relación con que o proceso de distribución non tivera en conta o número de persoas que xa pasarán a enfermidade en cada comunidade autónoma e necesitaban, por tanto, menos doses.

Durán avogou porque as decisións sanitarias que inflúen directamente sobre a poboación deben ser acordadas por consenso, algo que en moitas ocasións non ocorreu no seo da Comisión Nacional de Saúde Pública, polo que salientou que é preciso fixar unha estratexia de gobernanza real na que quede definida o papel que debe xogar cada comisión ou organismo. Ademais, abundou en que é preciso elaborar un Plan nacional de xestión de stocks de carácter flexible, tal e como fixeron as comunidades autónomas.

Por último, agradeceu o traballo realizado polo de profesionais sanitarios e non sanitarios que interviron neste procesos, tendo así mesmo, palabras de recoñecemento para o conxunto da poboación galega pola súa responsabilidade, demostrada coa masiva adherencia á campaña de vacinación da covid-19.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.