A Xunta facilita o acceso do persoal sanitario de prisións á historia clínica electrónica dos internos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o secretario xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz González, asinaron esta mañá un convenio de colaboración que permitirá que o persoal sanitario das prisións galegas poida acceder ás historias clínicas dos internos.

 

REDACCIÓN (10/01/2022) A Xunta facilita o acceso do persoal sanitario de prisións á historia clínica electrónica dos internos. Sala de prensa Sergas. Recuperado de: www.sergas.es

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acolleu a sinatura dun acordo que optimizará e axilizará o traballo dos profesionais sanitarios que desempeñan o seu labor nas cinco prisións emprazadas na comunidade galega. Así, o persoal médico e de enfermaría poderá coñecer de forma inmediata a información que conten o sistema IANUS sobre os internos dos seus propios centros, e entre a que se atopan as patoloxías previas que padeceran, ou os tratamentos farmacolóxicos que están a seguir.

Entre as melloras que derivan do acordo, o persoal sanitario de prisións poderá xestionar dun xeito máis sinxelo a petición de analíticas para os internos, a recepción dos resultados das probas médicas, ou concertar interconsultas cos especialistas do Servizo Galego Saúde.

O titular do departamento sanitario da Xunta destacou que integrar e compartir a información clínica repercutirá dun xeito importante na calidade asistencial que recibirán as persoas internas. Ademais, unha vez saian dos centros penitenciarios, estas persoas non terán un espazo en branco na súa historia clínica, senón que contarán cun expediente dixital integrado e completo, onde figurará toda a súa experiencia sanitaria.

Así mesmo, o acordo entre Xunta e Institucións Penitenciarias tamén facilitará a participación do persoal sanitario das prisións de Pereiro de Aguiar, Outeiro de Rei, Monterroso, A Lama e Curtis nos cursos de formación que oferte o Servizo Galego de Saúde aos seus profesionais, en función da dispoñibilidade de prazas.

Transferencia da prestación sanitaria en prisións

Tras o acto de sinatura, García Comesaña manifestou a vontade do Executivo galego de manter esta liña de colaboración co Sistema nacional de prisions. Así, comunicoulle aos seus responsables o acordo unánime acadado polo Parlamento de Galicia, para solicitar o traspaso da competencia da prestación sanitaria nas prisións, á comunidade galega.

Segundo o acordo da cámara galega, esta transferencia deberá estar acompañada dos recursos humanos, económicos e materiais necesarios para atender este servizo, pois, arestora, aínda fica pendente a compensación da débeda contraída polo Ministerio de Interior co Sergas, referente aos tratamentos sanitarios prestados aos internos por parte do Servizo Galego de Saúde.


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.