O taller de primeiros auxilios infantil “Pupas, Sustos e Outros Desgustos”, visitou 41 colexios e formou xa a 1.798 nenos na provincia.
Trátase dunha iniciativa pioneira da enfermería de Primaria de Ourense que permite ós nenos aprender e perder o medo xogando.
Coordinadoras de enfermería dos servizos de atención primaria e de educación ao paciente do Hospital Universitario de Ourense asistiron este mércores ao balance do curso 2018-19 do taller de primeiros auxilios “Pupas, Sustos e Outros Desgustos” iniciativa coa que enfermeiras dos centros de saúde contribúen a formar aos rapaces de 3º e 4º de primaria, mediante simulación práctica e xogos, para perder o medo e actuar, tanto en pequenos accidentes como emerxencias.
Impartido por enfermeiras de atención primaria da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, contou coa colaboración da Delegación Territorial e Servizo de Educación da Xunta. O programa iniciouse con gran éxito o pasado curso escolar na bisbarra de Carballiño, o que motivou a súa extensión este curso a toda a provincia contando coa participación de persoal de enfermería de 16 servizos de atención primaria ademais de residentes en formación e técnicos do 061.
As promotoras do programa, Verónica Civeira e Dolores Sánchez, enfermeira do C.S. de Carballiño e subdirectora de procesos de enfermería, acompañadas polo xerente, Julio García Comesaña e a Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, deron a coñecer os resultados deste curso, que permitíu formar a 1.798 rapaces de 41 colexios de toda a provincia, crecendo nun 78% de participación con respecto ao curso 2017-2018, no que tan só se realizou na bisbarra de Carballiño.
Saber como actuar e perder o medo
O obxectivo do taller é “empoderar” aos nenos no seu autocoidado e para saber recoñecer e actuar ante unha situación de emerxencia, e tamén ante as pequenas incidencias e accidentes, perdendo o medo ante situacións da vida diaria.
Mediante o taller, ameno e co apoio de xogos, dáselles unha formación práctica, adaptada a súa idade, para recoñecer as situacións de emerxencia mais habituais, desde as mais comúns como golpes, cortes, queimaduras ou outras feridas, a outras de maior gravidade, como un atragoamento, convulsións ou falta de consciencia. Aprenden cando e como alertar aos servizos sanitarios ante unha emerxencia, como actuar, ou cando deben acudir ao centro de saúde, urxencias ou charmar a emerxencias.
Para avaliar os coñecementos adquiridos faiselle unha enquisa previa e posterior ao curso e os resultados son moi positivos no conxunto de situacións. Especialmente significativo é que tras o curso o 95,89% dos nenos sabían o número de teléfono ao que chamar ante unha emerxencia e o 85,92% como reaccionar ante un atragoamento, fronte a un coñecemento previo do 5,49%.
Ademais da adquisición de coñecementos o formato está a ser moi valorado tanto polos alumnos como polos profesores, cun 95% e un 97% de valoracións coa máxima puntuación positiva.
Prácticas con simulación de situacións reais
Os talleres teñen unha duración de dúas horas, divididos en dous módulos, cunha breve proxección e explicación inicial e posteriormente exercicios prácticos en grupo. O primeiro módulo refírese as “pupas e sustos de cada día” como febre, diarrea e vómitos, golpes e hematomas, feridas, cortes, sangrado pola nariz, sustancias nos ollos, queimaduras e recomendacións para manterse sans.
O segundo inclúe o capítulo de “sustos e grandes disgustos” onde se lles orienta a recoñecer estas situacións, tomar conciencia da importancia de alertar aos servizos sanitarios, asi como a recoñecer e actuar ante o atragantamento, convulsión ou inconsciencia dunha persoa. Para elo aprenden a crear unha zona segura ou como suxeitarlle a cabeza, ante unha convulsión, asi como a practicar, cun moneco, a maniobra Heimlich (ante un atragoamento).
Tamén, ante un suposto dunha persoa insconsciente, os rapaces practican, por parellas como comprobar o nivel de consciencia e respiración, como posicionalo e iniciar as manobras de resucitación cardio pulmonar, gañando tempo ata que cheguen os servizos de emerxencia.

