Ourense, 8 de xaneiro de 2026. A vacinación é unha das ferramentas máis eficaces da saúde pública e o seu éxito depende en gran medida do traballo das enfermeiras.
No distrito do Barco, Gemma Rodríguez Alvarez é a profesional responsable de coordinar a vacinación fronte á gripe, a covid e o virus respiratorio sincitial (VRS). O seu labor abarca desde a organización do material e o control da cadea de frío ata a administración segura, a educación sanitaria e o seguimento da poboación vacinada.
Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, a campaña de vacinación remataba o 31 de decembro seguindo o calendario autonómico, con novidades este ano, como o plan piloto escolar de vacinación intranasal.
Disto falamos con Gemma, do papel desempeña a enfermería neste proceso esencial para a prevención e a protección da cidadanía e da importancia da campaña de vacinación para a poboación. “Non só é protexernos a nós, se non tamén ás persoas que nos rodean”, asegura.
Rematada a campaña de vacinación, que balance podemos facer da última fase no final do ano?
Na fase final da campaña de vacinación, os datos epidemiolóxicos revelaban que nos atopábamos nunha fase de alta actividade gripal, con incremento de casos con respecto a semanas previas, o que estaba a repercutir nunha presión asistencial moderada, con urxencias por patoloxías respiratorias e descompensación de patoloxías crónicas, sobre todo en pacientes vulnerables. En persoas sen condicións de risco, tamén se apreciou un leve incremento da asistencia aos centros de saúde por motivos urxentes, como síntomas respiratorios agudos.
As prioridades eran, por tanto, aumentar a cobertura vacinal en maiores de 65 anos e persoas con condicións de risco, tanto para a vacina anticovid como a antigripal, de tal xeito que ninguén perdera a posibilidade de vacinarse se así o desexaba.
Non debemos olvidarnos da poboación infantil, menor de 12 anos, onde se fixo unha gran concienciación da importancia da vacinación antigripal.
Como valoras desde enfermería o avance este ano da campaña de vacinación?
Este ano recuperouse o sistema habitual de campaña, que é a vacinación nos centros de saúde. Aínda que a organización foi diferente entre as Áreas Sanitarias, só en circunstancias moi puntuais se habilitaron grandes recintos para vacinación e citación masiva, xustificados quizais tamén polo adianto da onda epidémica destas enfermidades transmisibles.
O avance non foi o esperado, e menor que en anos previos á pandemia. Unha das posibles causas foi o procedemento de citación automática, que nalgúns casos supuxo un alto absentismo de persoas citadas mediante este proceso. Neste sentido, pode ser un aspecto a valorar en campañas posteriores.
Doutra banda, as campañas de vacinación que se realizaban en anos anteriores á pandemia por parte dos centros de saúde en locais sociais, asociacións veciñais e outros espazos de reunión colectiva contribuían dun xeito significativo a aumentar as coberturas de vacinación, ao facilitar a accesibilidade. Aínda que a organización da campaña, necesaria, por tramos de idade da campaña o dificulta, podería ser conveniente valorar ese sistema de vacinación nos seguintes anos. Un exemplo claro disto, que si se realizou este ano e con bos resultados, foi a vacinación piloto que se realizou nos centros escolares coa vacina antigripal intranasal.
Este ano ampliabase a cobertura a nenas e nenos ata os 11 anos e incorporábase a vacina de alta carga para persoas maiores. Que impacto percibistes con estas novidades?
A ampliación das coberturas vacinais sempre supón un beneficio para a poboación, ás veces non só para protexer á persoa vacinada, senón tamén os seus convivintes e persoas do entorno próximo. Nos caso dos nenos ata 11 anos, falaríamos de avós ou coidadores, en moitos casos con condicións de risco.
Con respecto á vacinación de alta carga, supón unha melloría na protección das persoas vacinadas, e aínda que pode supoñer un desafío económico e de equidade do sistema de saúde, toda mellora en beneficio da poboación sempre é ben percibida.
Do impacto que xeraron ambas medidas, aínda non se dispón de datos sobre as coberturas vacinais e, o que é tamén significativo, do impacto que ambas tiveron en canto á prevención de eventos respiratorios graves e hospitalizacións. Tamén, se estes fitos ocasionaron un incremento das coberturas vacinais, o que habería que averiguar tamén se a poboación estaba informada dos mesmos, se as campañas nos medios de comunicación causaron o efecto esperado.
Ademais de administrar vacinas, a enfermería participa na valoración previa, a preparación do material, o control da cadea de frío e a educación sanitaria. Como se organiza e coordina todo este proceso desde o equipo de enfermería?
Nalgunhas Áreas Sanitarias, foron designados responsables de vacinación por Servizo de Atención Primaria, é dicir, persoas sen actividade asistencial ordinaria que se encargan da loxística das vacinas, petición de doses e campañas de vacinación en días adicionais, así coma a resolución de incidencias que, por experiencia propia, aseguro que non foron poucas.
Porén, o verdadeiro desafío foi naqueles centros de saúde, que son a maioría, onde non existía esta figura, e que como o resto do ano tiveron que compaxinar a actividade asistencial e de xestión do centro de saúde coa campaña de vacinación antigripal e anticovid.
Ademais, a existencia de viais multidose para a vacina anticovid, e a xestión das doses sobrantes á fin de conseguir o maior aproveitamento das mesmas, supuxo unha complicación engadida.
Da atención aos pacientes, a citación ocupaba ocos de 3 minutos, o que dificultaba en gran medida poder darlle unha información adecuada e asegurarse de que entendían correctamente o que se lles estaba a informar. Isto ocasionou, na práctica totalidade dos centros, retrasos importantes na atención, non só do acto vacinal, senón do resto da actividade programada.
A nivel organizativo, a campaña de vacinación esixe planificación, xestión e persoal formado. Cales foron os principais retos este ano para as enfermeiras responsables da vacinación?
Un dos principais retos foi a loxística das vacinas. Como decía anteriormente, os viais de covid conteñen 6 dosis, que unha vez aberto só se pode administrar nas seguintes 12 horas. A xestión da eficiencia destes viais foi complexo.
Outro reto foi a coordinación enfermeira entre os diferentes centros de saúde de cada área para o traballo en equipo: solicitude de dosis, novidades da campaña, resolución de dúbidas, formación...
Hai persoas que aínda dubidan en vacinarse contra a gripe ou o covid. Desde a túa experiencia, que mensaxe che gustaría trasladarlles?
As vacinas son produtos aprobados e seguros, destinados á prevención secundaria de enfermidades respiratorias que poden chegar a ser graves, e que non dispoñen de tratamento específico, senón só sintomático. Aínda que as persoas poden contaxiarse igualmente, a gravidade do proceso será menor.
Vimos de saír dunha pandemia mundial grazas a medidas de precaución universal, e tamén a vacinación.
Ás veces, non só é protexernos a nós, se non tamén ás persoas que nos rodean. Nos casos nos que hai un contacto estreito, como somos os profesionais da saúde, os servizos de emerxencias e demais grupos de especial significación, debemos protexer á todas aquelas persoas que atendemos e coas que temos contacto cada día, ademáis de realizar un acto de “dar exemplo”. É un exercicio de responsabilidade.
Tras varios anos de campañas intensas fronte á gripe e a covid, que aprendizaxes destacas e como se aplicaron nesta campaña?
Unha reflexión que me gustaría compartir co resto das compañeiras enfermeiras, é sobre o papel que xoga a nosa profesión na prevención de enfermidades e a visualización desta desde os ollos da poboación.
Si somos as profesionais que estamos en contacto co paciente, que lideramos sen dúbida algunha a vacinación do paciente, si somos referentes de vacinación nos nosos centros de saúde, si facemos entrevistas motivacionais para a vacinación do paciente, si organizamos a campaña no centro, si organizamos a campaña na área, si facemos xestión de citación, loxística desde consellería... porque somos tan invisibles?
Creo que o papel que xogan os medios de comunicacion é clave para cómo nos ven os pacientes e onde nos sitúan. As enfermeiras ocupamos un papel fundamental dende os máis altos niveis organizativos (Consellería de Sanidade) ata os máis baixos niveis (a administración propiamente da vacina), sen olvidar dos intermedios (dirección, subdirección enfermeira, coordinadoras de campaña...).
Necesitamos saber e ser conscientes da importancia da nosa figura nestes procesos, debemos reivindicalo e debemos reclamar que cando sae unha noticia sobre a vacinación, se mencione expresamente “as enfermeiras”, porque son elas as que a levan de inicio a fin.

