Ourense, 6 novembro. O programa de acollemento familiar "En Familia", coordinado pola Fundación Aldaba coa colaboración da Asociación Galega de Adopción e Acollemento Manaia e co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, traballa para integrar a nenas, nenos e adolescentes en contornos familiares que permitan o seu desenvolvemento pleno.
En Galicia, preto de 800 menores están en situación de protección, moitos deles vivindo en centros residenciais de forma temporal. Sen embargo, cando estas estadías se prolongan, faise evidente a necesidade de alternativas que proporcionen un contorno familiar estable e protector. É aquí onde actúa o programa "En Familia", impulsando o acollemento familiar como solución para aqueles menores que carecen dunha rede familiar que lles ofreza un fogar adecuado.
Acollemento familiar: un compromiso aberto á cidadanía
Calquera persoa, independentemente da súa ocupación ou formación, pode colaborar para mellorar a situación destes menores. "En Familia" anima ás persoas interesadas a considerar o acollemento, ofrecendo un proceso de formación, avaliación e acompañamento que facilita a súa integración no programa.
Obxectivo do programa
"En Familia" centra os seus esforzos en menores que levan longos períodos en centros de protección, especialmente aqueles con idades superiores aos 7 anos e en etapa adolescente. A finalidade é que estes nenos e nenas poidan medrar nun contorno familiar que favoreza o seu desenvolvemento integral, minimizando os impactos da institucionalización prolongada e apoiando a súa transición cara a unha vida en familia.

