“A nosa intención é trasladar a Escola de Enfermería ao Campus no curso 18-19 pero somos prudentes”

Virxilio Rodríguez está a piques de despedirse do seu cargo como vicerreitor do Campus de Ourense. Un espazo ao que está previsto o traslado da Escola de Enfermería o próximo curso.

Rodríguez confesa que marcha coa sensación de quen deixa os deberes feitos porque “o plan que tiñamos o equipo de goberno para estes catro anos está cumprido nas súas liñas fundamentais”. No seu balance de obxectivos cumpridos fala da execución do primeiro plan de acción do chamado “Campus da Auga”, da consolidación da matrícula -“estamos nunha taxa do 101% de ocupación e somos o campus universitario con máis matrícula de todo o sistema universitario de Galicia”-, da boa saúde da que gozan as 17 titulacións do campus e do “bo ambiente entre as direccións de todos os centros ”.

Nese balance hai que incluír o recente acordo do Consello do Campus relativo ó traslado da Escola de Enfermería ao Campus, que é unha demanda histórica. Por que esa demora?

Si, era unha demanda dende hai tempo. Para entender a situación hai que ter en conta que se iniciara hai tempo por parte do Sistema Universitario de Galicia un diálogo coa Consellería de Sanidade para levar a cabo a integración de todas as escolas de Enfermería nas universidades respectivas. Mentres estaba vivo ese proceso de integración, que dende logo non estaba no ámbito de competencias da Vicerreitoría que eu dirixo, estabamos á expectativa; nada podiamos facer máis que agardar que ese proceso de integración chegase a bo porto e se levase a cabo á integración plena dos centros adscritos de Enfermería nas universidades. So é no momento no que ese proceso de integración queda paralizado cando pensamos dende a Universidade e, en concreto, dende a Vicerreitoría de Ourense, en buscar unha solución a esa demanda reiterada que trate de beneficiar tanto á propia Escola de Enfermería, ao seu persoal e, sobre todo, ao seu alumnado, que é o que máis nos preocupa, e tamén ao Campus Universitario de Ourense. Nese momento, que é recente,  é cando lle propoño á dirección da escola e á xerencia do Centro Hospitalario a posibilidade de trasladar fisicamente –que non ten que ver co proceso de integración- e ofertarlle á Escola de Enfermería aulas, un espazo de referencia para a dirección e algúns profesores -en función dos despachos dos que poidamos dispoñer-, unha delegación de alumnos e que desenvolva a súa actividade académica, docente e, en parte, investigadora no Campus Universitario de Ourense. Esta proposta foi recibida positivamente por parte da dirección, da Xerencia e tamén polas direccións dos sete centros  que hai no Campus e que teñen que facer un esforzo para habilitar espazos adecuados e acoller un novo centro, co que iso supón. Foi aí cando decido levalo ao Consello do Campus, que é o máximo órgano colexiado do Campus, e este autoriza iniciar o proceso.

Fálase de que o traslado será efectivo xa no próximo curso. Será así?

Teño que dicir que hai moi boa sintonía tanto coa dirección da escola como coa anterior e a nova Xerencia en relación con esta materia e que estamos traballando con ese horizonte do curso 18-19. Esa é a nosa intención pero tamén somos prudentes. Temos o máximo interese en que a Escola de Enfermería se incorpore ao Campus Universitario de Ourense. Se é posible para o curso 18-19 estupendo, e, se non fóra posible porque estamos no mes de abril e non queda tanto para o inicio do próximo curso, dende logo estaría todo o traballo feito para que a incorporación, se non é inminente sexa para o curso 19-20. Pero, non obstante, o noso horizonte de traballo é o 18-19.

Barállanse como posible sedes da Escola de Enfermería o Edificio de Ferro e o Politécnico… Hai algunha decisión adoptada ao respecto?

É algo que estamos valorando internamente. Temos aínda que facer un traballo para que a dirección, o profesorado , o persoal e, o máis importante, o alumnado da escola poida visitar fisicamente as instalacións do Campus para que vexan os lugares que propoñemos para o desenvolvemento das actividades docentes. A partir de aí será cando decidiremos exactamente a localización das aulas, do despacho de dirección, dos servizos administrativos e da delegación de alumnos. A proposta inicial, efectivamente, é contar co Edificio de Ferro e o Politécnico pero insisto en que é unha proposta inicial que ten que esperar a contar co visto bo das persoas da Escola de Enfermería e tamén co visto bo –que encaixen horarios e demais- das direccións dos centros situados nestes edificios.

virxilio

Enfermería é unha das titulacións máis antigas de Ourense e, en cambio, chega ao Campus con décadas de retraso. A que cre que se debeu ese desinterese histórico por achegar a Escola ao Campus?

Descoñezo ese desinterese ao que fai referencia. O que podo dicir é que eu asumín este cargo por elección no 2014 e sempre tiven o maior interese e puxen a maior atención en relación coa Escola de Enfermería. Proba diso é que sempre mantiven reunións, contactos e visitas ao centro, tanto coa dirección anterior como coa actual e tamén coa Xerencia do CHUO… É dicir, o interese institucional dende que asumín este cargo foi máximo e a preocupación foi máxima. Isto se demostra non so por tratar de lograr primeiro que a integración chegase a bo porto   –que iso supera as competencias desta Vicerreitoría, xa que se leva a nivel do propio Sistema Universitario de Galicia e a Consellería de Sanidade- pero no horizonte estaba a posibilidade de que, se iso non chegaba a bo porto, poder incorporala ao Campus. E iso é algo que non é doado porque este Campus , afortunadamente non ten espazos ociosos porque temos unha ocupación do máis do 100%, recibimos máis alumnos dos que teoricamente podemos soportar. Esta é a realidade.  Pero apostamos por un Campus forte, que medre e, nesa liña e a pesar de que as nosas dispoñibilidades non son moitas, quixemos facer un esforzo entre todos por incorporar fisicamente a Escola de Enfermería porque vai ser beneficioso para todos. As sinerxías que se xerarán entre o alumnado desa escola e o alumnado de, por exemplo, a titulación de Tecnoloxía dos Alimentos son relacións claras e a localización física vai melloralas. Polo tanto, eu podo falar da institución dende o momento en que eu asumo a responsabilidade e aí podo dicir que a preocupación é máxima.

Vai supor o traslado físico unha maior colaboración entre  a Universidade e a Escola de Enfermería en materia de investigación, doutorados, etcétera?

Si, esa é a nosa intención e é o que esperamos. Será necesario levar a cabo accións que fomenten esa relación entre profesorado, persoal investigador por unha parte, e, por outra, entre o propio alumnado para realizar investigacións conxuntas. Dende logo, unha titulación como Enfermería, da área da saúde, complementa de forma excelente este Campus, onde o único que nos falta é esa rama, a sanitaria. É verdade que segue sendo un centro adscrito pero que estea aquí vai facilitar esas sinerxías entre alumnado e profesorado para que esa investigación con presenza do persoal do ámbito de Enfermería sexa unha realidade. Non obstante, iso xa o estamos fomentando e hai accións que contan con persoal da Escola de Enfermería no ámbito da investigación a través da liña de acción do Campus da Auga con Vida, por exemplo, onde participa tanto alumnado como docentes da Escola, e tamén hai persoal do centro en traballos de grupos de investigación do Campus universitario. Pero, dende logo, a incorporación física facilitará eses traballos conxuntos, o coñecemento do persoal, do alumnado, etcétera. Por outra banda, na xornada da Escola de Enfermería na que se expuxeron traballos de fin de grao puiden comprobar que o interese do alumnado pola investigación é palpable e a calidade deses traballos era excelente e, polo tanto, os grandes beneficiarios da incorporación física e de incrementar esa relación co Campus serán, sen dúbida, os alumnos e alumnas da Escola de Enfermería.

Queda lonxe a integración da Escola na Universidade de Vigo?

Dende logo, non está próxima porque, de ser así, evidentemente non dariamos este paso no ámbito das nosas competencias. Cando poderá facerse? Realmente non o sei e, insisto, non está no ámbito das nosas competencias.

Cal é a dificultade para que chegue a materializarse?

Pois esa é unha cuestión na que deberían pronunciarse fundamentalmente dende a Consellería de Sanidade. Entendo que estes procesos non son doados, entre outros motivos porque non hai que esquecer que non estamos falando dunha Escola de Enfermería, senón que falamos tamén das escolas de Vigo e Pontevedra e estas son so as que afectan á Universidade de Vigo. Entón, claro, se estivésemos falando dunha soa escola o proceso sería, con total seguridade, menos complexo. Pero falar de tantas escolas implica moitísimo persoal e unha compensación económica inevitable para as universidades que pasarían a acoller eses centros, ese persoal, etcétera. Polo tanto, o proceso é moi complexo e entendo que as dificultades veñen por aí, aínda habendo seguramente a máxima vontade tanto por parte da Universidade como por parte da Consellería.

A integración melloraría a formación do alumnado de Enfermería?

O nivel académico e docente que ten a Escola de Enfermería é excelente. Non sei se mellorable porque, ao final, ese nivel académico depende fundamentalmente de dous factores: un, que é clave, os recursos humanos, os docentes que imparten as materias . Aí hai que dicir que gran parte dos profesionais que hai hoxe traballan no Centro Hospitalario Universitario de Ourense e son excelentes e así o pon de manifesto o nivel de todas as promocións de Enfermería que saen ano tras ano e que son recoñecidas en Galicia, no Estado e fóra das fronteiras. Polo tanto, aí é dificilmente mellorable. O outro elemento son os recursos materiais e aí si que evidentemente o Centro Hospitalario ten os recursos necesarios para impartir as prácticas clínicas pero despois no ámbito estritamente docente, como aulas teóricas, o acceso á biblioteca, recursos bibliográficos e a outros elementos que son anexos á docencia pero que forman parte da vida universitaria –servizos de deportes,  actividades culturais, acceso a axudas ás delegación de alumnos, etcétera- si que é posible a mellora. A integración suporía unha mellora neste segundo aspecto do que estou falando porque seguramente implicaría un incremento dos dereitos do alumnado en relación con todos os servizos que oferta á Universidade pero, insisto, xa a propia integración física e as accións que levaremos a cabo con esa integración física suporán unha mellora. 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.