O Campus Auga estreita a súa colaboración con colexios oficiais e asociacións de profesionais no eido da saúde

O obxectivo é a posta en marcha accións formativas mixtas o vindeiro ano

 

campusauga2

O vicerreitor do campus foi o encargado de dar a benvida ás e aos asistentes | Fotografía: DUVI Ourense

 

DUVI Ourense, 07 de xullo de 2023.- A Vicerreitoría do campus de Ourense acolleu este venres unha xuntanza entre representantes de colexios oficiais e asociacións de profesionais do eido da saúde e persoal investigador da Universidade de Vigo que tivo como obxectivo pór en marcha sinerxías de colaboración, especialmente no eido formativo. A iniciativa enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga, que ten entre os seus focos de interese o termalismo.  

A reunión contou coa participación por parte da Universidade de Vigo de Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e do persoal investigador da Facultade de Ciencias Pedro Araújo, María José Pérez (decana tamén deste centro) e Elena Falqué, en representación dos grupos de investigación que no campus de Ourense traballan de xeito máis directo en temas relacionados con termalismo e saúde. Por parte dos colexios profesionais estiveron Santiago Leyes e Carmen Gallardo, presidente e vicepresidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense; Ascensión Pérez, presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense; Julio Jiménez, en representación do Colexio Oficial de Médicos de Ourense; e un representante do Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense. Tamén estiveron Pablo García, Cristina Conde e Cristina Margusino, presidente e vicepresidentas respectivamente da asociación Ourensividad, entidade posta en marcha este ano por profesionais e asociacións de distintas áreas co obxectivo de promover Ourense como capital da lonxevidade e pór o foco no impacto que ten nela aspectos como os hábitos saudables e a alimentación. Completou a mesa Natalia Silva, farmacéutica especializada en dermofarmacia e termalismo.

 

campusauga3

A xuntanza tivo lugar na sede da Vicerreitoría do campus: DUVI Ourense

 

“Unha parte moi importante do noso proxecto de especialización Campus Auga é o termalismo. No campus de Ourense temos grupos de investigación que traballan desde hai moitos anos en temas como as surxencias, a análise microbiolóxica das augas e as súas propiedades e sobre o aproveitamento das augas termais para, por exemplo, elaborar produtos de cosmética”, explicou Francisco Javier Rodríguez Rajo. Neste contexto, o vicerreitor sinalou o interese da institución académica en que as entidades e colexios profesionais do eido da saúde coñezan o Campus Auga e as liñas de investigación existentes no campus de Ourense que poidan ser do seu interese e poder así abrir vías de colaboración. “Para o Campus Auga supón unha oportunidade moi boa poder traballar con profesionais de todas as ramas da saúde implicados en termalismo e en calidade de vida”, afirmou sobre a xuntanza mantida este venres. Concretamente, adiantou, a idea é traballar na posta en marcha en 2024 de cursos “de docencia mixtos, entre Universidade e profesionais, para darlle máis visibilidade e empuxe ao termalismo”.

Formación e transferencia

Esta iniciativa enmárcase no proxecto de especialización Campus Auga, que promove, desde un enfoque multidisciplinar, actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga, xerando sinerxías e liñas de actuación conxuntas entre persoal investigador e implicando, como socios estratéxicos, a axentes sociais e económicos e administracións públicas. Entre os obxectivos do Campus Auga están a formación, buscando ofrecer una formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coas temáticas da auga; e a transferencia de tecnoloxía e coñecemento científico cara aplicacións prácticas que sexan útiles para a contorna. Entre as súas liñas de especialización temática teñen un protagonismo destacado o termalismo, a investigación aplicada sobre augas termais e mineromedicinais e a calidade da auga, entre outros aspectos.


Imprimir  
We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.