Estudantes do grao de Enfermería coñecen o funcionamento e servizos que ofrece o COE Ourense

IMG 20230504 WA0010O grupo de estudantes da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense que visitaron hoxe as instalacións do COE Ourense, acompañados da presidenta, Ascensión Pérez Sampayo | FONTE: COE Ourense. 

 

Ourense, 4 de maio de 2023. As instalacións da nosa sé colexial acolleron hoxe a visita dun grupo de estudantes de cuarto curso do grao en Enfermería da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense. A propia presidenta do COE Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, foi a encargada de dárlles á benvida ao colexio e de ofrecerlles unha charla na que o alumnado puido coñecer de primeira man en qué consiste o labor do colexio e qué servizos ofrece, tanto para as persoas profesionais colexiadas como para o estudantado de enfermería.

O grupo de estudantes, acompañado da directora da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense, Mª Milagros Fernández Varela, aproveitou a ocasión para achegar as súas dúbidas sobre a colexiación e as vantaxes que ofrece. Ao longo de hora e media, a presidenta do COE Ourense expúxolles a entidade como un ‘espazo aberto’ onde teñen cabida as propostas e inquietudes do estudantado de enfermería: “o colexio conta cunha ampla biblioteca da que podedes valervos sempre que queirades, así como do espazo de estudo que ofrece”.

Así mesmo, destacou os aspectos máis salientables para o estudantado: a existencia dun seguro de responsabilidade civil durante as prácticas de estudantes de enfermería, as axudas para a investigación que ofrece o Colexio e os incentivos para a participación en congresos e xornadas. Ademais, Pérez Sampayo recordoullles que o COE Ourense ofrece subvención dos gastos do primeiro ano de colexiación (matrícula + cotas) para os dous mellores expedientes académicos da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense.

Nesa liña de apertura cara o estudantado e á sociedade, a presidenta do Colexio animounos a presentar as súas ideas e proxectos no colexio para que, dende el, se lles poida ofrecer o apoio necesario para ‘botalas a andar’ ou darlles a proxección e o respaldo necesarios. “O Colexio Oficial de Enfermería de Ourense é dos máis pequeniños de España, pero moi movido”, apuntou neste encontro Pérez Sampayo, quen resaltou a implicación da entidade nos proxectos piloto postos en marcha dende a Organización Colexial de Enfermería de España: "nun proxecto relativo á implantación da prescrición enfermeira no ámbito privado", noutro sobre "a posta en marcha dun teléfono para a denuncia de agresións a profesionais da enfermería no que se dará asesoramento ás vítimas de violencia no desempeño do seu traballo”, e un terceiro proxecto sobre o que “moi pronto daremos máis datos”, e que a propia Pérez Sampayo califica como “moi bonito e ilusionante”. “Que o COE Ourense sexa o único colexio de enfermería de España que participa nestes tres proxectos piloto é algo que nos enche de orgullo e ganas de seguir traballando”, puntualizou.  

 

 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.