O COE Ourense aposta pola investigación enfermeira da man dos programas de doutoramento da UNED

foto web uned

De esquerda a dereita: Jesús Manuel García Díaz (director da UNED Ourense), Inés López Carral (presidenta do COE A Coruña), Ascensión Pérez Sampayo (presidenta do COE Ourense) e Olga Iglesias González (tesoureira do COE Ourense). Na pantalla, por teleconferencia: Ángel de Juanas Oliva (director de EIDUNED) e Paloma Collado Guirao (coordinadora do Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública). | FONTE: COE OURENSE.

 

Ourense, 19 de xaneiro de 2023. A sede do COE Ourense acolleu esta mañá unha reunión entre a súa presidenta, Ascensión Pérez Sampayo, e o director da UNED Ourense, o doutor Jesús Manuel García Díaz, quen expuxo, en primeira instancia, as posibilidades de doutoramento que a Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) ofrece ao colectivo enfermeiro.

Neste encontro, no que tamén estiveron presentes a tesoureira da organización colexial, Olga Iglesias González, e a presidenta do COE A Coruña, Inés López Carral, tivo lugar unha teleconferencia co director da Escola Internacional de Doutoramento da UNED (EIDUNED), Ángel de Juanas Oliva, e maila coordinadora do Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública, Paloma Collado Guirao.

Collado e De Juanas foron os encargados de explicar o funcionamento do IMIENS, o Instituto Mixto de Investigación Escuela Nacional de Sanidad da UNED no que se enmarca o citado programa de doutoramento e no que colabora, xunto coa UNED, o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII). En palabras da coordinadora do propio Programa de Doutoramento en Ciencias Biomédicas e Saúde Pública, o que busca dita proposta é “fomentar a xeración de coñecemento ná área de ciencias da saúde e impulsar a innovación na atención sanitaria e na prevención de enfermidades”.

Este programa, que obtivo a avaliación positiva por parte da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA) en xuño de 2020, conta con máis de 200 docentes para a coordinación de teses, repartidos nunha decena de equipos de traballo e 37 liñas de investigación. 

Por parte do COE Ourense, Ascensión Pérez Sampayo, valorou este programa coma "unha proposta formativa moi interesante e de calidade, e que pode ser de grande interese para os/as profesionais da Enfermería”, xa que é unha das titulacións ás que se dirixe este doutoramento (no mesmo caben tamén as titulacións de Medicina, Psicoloxía, Farmacia, Bioloxía, Bioquímica e Biotecnoloxía, Química ou Veterinaria, entre outras).

Potenciar este programa de doutoramento entre as colexiadas suporá abrir novas vías de fomento da investigación enfermeira, un dos obxectivos primordiais do COE Ourense. Para a organización colexial supón reforzar a súa aposta pola investigación, que se suma á xa existente liña de bolsas anuais que ofrece ás colexiadas para financiar estudos de doutoramento. Segundo Pérez Sampayo, “só apoiando o desarrollo profesional dos/as profesionais da enfermería e estimulando a formación continuada poderá avanzar a investigación, verdadeiro motor do sistema sanitario”.

 

 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.