A Xunta de Galicia aproba as bases de carreira profesional para todo o persoal do sistema público de saúde

 

A Xunta de Galicia vén de aprobar as bases de carreira profesional, no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e a dito organismo, logo do acordo unánime acadado polo Sergas e os sindicatos de mesa sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT).

Sala de prensa Sergas (24/11/2022)

A Xunta de Galicia vén de aprobar as bases de carreira profesional, no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e a dito organismo, logo do acordo unánime acadado polo Sergas e os sindicatos de mesa sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT).

En virtude do acordo, poderán concorrer á carreira profesional os profesionais de todas as categorías que están a traballar no Sergas -persoal médico, de enfermería, técnicos en coidados auxiliares de enfermería, persoal de administración, de oficios e celadores- tanto de Atención Primaria como de especializada e entidades adscritas como ADOS, ACIS, FP 061, Galaria e INGO.

O recoñecemento dun grao, unha vez superada a avaliación, leva consigo un complemento retributivo que supón un incremento medio do 6 % das retribucións do cal se poderán beneficiar no ano 2023 preto de 9.000 profesionais que están a traballar con vínculo temporal nas institucións sanitarias.

O acordo foi consignado nos orzamentos de 2023 cun importe de 14.323.879 millóns de euros.

Os custos no ano 2024 serán de 17.471.748 €, e no ano 2025 de 4.434.2781 €.

A carreira ordinaria estrutúrase nun grao inicial e catro graos. Ao grao inicial poderá acceder todo o persoal con vínculo activo no momento da súa primeira vinculación no Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas con opción aberta no seu expediente profesional no apartado de carreira profesional.

O ciclo completo de catro graos para persoal licenciado sanitario é de 22 anos, o que sitúa a Galicia por debaixo doutras comunidades autónomas coma o País Vasco que se sitúa en 25. Para o resto de colectivos (persoal sanitario e persoal de xestión e servizos) prevese un período de 24 anos.

Os graos I a IV serán iniciados mediante convocatoria que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Cada convocatoria determinará o prazo para poder presentar as solicitudes, requisitos e baremo aplicable.

 

Sistema transitorio de encadramento

O Acordo establece tres medidas excepcionais de encadramento para o persoal temporal con máis antigüidade:

1ª Un encadramento excepcional inmediato no grao I, semellante ao establecido no ano 2018 para o persoal fixo, dirixido ao persoal con 5 anos de servizos prestados no ano 2018. Ao que poderá optar todo o persoal con vínculo nos prazos determinados na convocatoria.

Esta medida beneficiará a máis de 8.000 profesionais, que a partir do mes de xaneiro de 2023 comezarán a cobrar un complemento retributivo que representará unha suba media do 6% nos salarios anuais.

2ª. Outro encadramento excepcional (no grao II), a convocar no próximo ano 2023, para o persoal que traballou no sistema público de saúde antes do ano 2012.

Esta medida beneficiará a máis de 5.000 profesionais, que desta forma poderán obter o recoñecemento dun segundo grado, con efectos económicos a partir do ano 2024. Xa que logo, acadarían dous graos en dous anos.

3ª. Efectos retroactivos, ata o ano 2018, do grao inicial do persoal temporal en activo nese ano e seguintes.

Esta medida beneficia a outras 8.000 persoas, que desde o ano 2024 poderían ter recoñecido o grao I de carreira profesional.

Todas estas melloras retributivas alcanzarán ao conxunto de categorías profesionais. Entre elas, o persoal médico beneficiarase dunha suba salarial anual de máis de 3.200 euros, e o persoal de enfermería de máis 2.000 euros.

As bases de carreira profesional tamén recollen os baremos adaptados as características de cada colectivo profesional, profesión ou categoría, así como o número de puntos necesarios para acceder aos sucesivos graos e puntuación mínima e máxima establecida así como tamén a composición das comisións de avaliación.

Enténdese por carreira profesional, o dereito dos profesionais a progresar de maneira individualizada como recoñecemento ao seu desenvolvemento profesional en canto a coñecementos, formación, experiencia, investigación, docencia e outros aspectos relevantes como as súas habilidades e compromiso coa organización.

O obxectivo do sistema de carreira é recoñecer e distinguir aos profesionais outorgando un recoñecemento obxectivo a súa competencia profesional, xerar máis corresponsabilidade e fomentar unha cultura de compromiso co sistema sanitario público, promovendo a actualización dos seus coñecementos e competencias e mellora da súa cualificación. Entre o seus obxectivos, atópase o de lograr un maior grao de motivación dos profesionais.

Co acordo de hoxe, o Goberno segue fiel ao seu compromiso de traballar por unha sanidade pública de calidade e pola mellora das condicións laborais.​ 


Imprimir  
Usamos cookies

Este portal web únicamente utiliza cookies propias con finalidad técnica, no recaba ni cede datos de carácter personal de los usuarios sin su consentimiento. Sin embargo, contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas a las de OCE OURENSE que usted podrá decidir si acepta o no cuando acceda a ellos.