O COE Ourense acolle un taller sobre xestión emocional fronte á diabetes

Prensa Visto: 455

foto para web

Presentación do taller 'Xestión emocional para coidadores de nenas, nenos e xente nova con diabetes tipo 1' ante os asistentes ao mesmo, da man de Elisa López Calvo (vicepresidenta de ANEDIA), Mª José Menor Rodríguez (vicepresidenta do COE e educadora en diabetes) e Luz Doporto Rial, psicóloga e especialista en xestión emocional.| FONTE: COE Ourense. 


 

Ourense, luns 21 de novembro de 2022.- O pasado sábado 19, a sede do Colexio de Enfermería de Ourense acolleu un taller sobre xestión emocional para coidadores de nenas, nenos e xente nova con diabetes tipo 1. Elisa López Calvo, vicepresidenta da Asociación Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (ANEDIA) foi a encargada de dar a benvida ás familias que participaron neste encontro dirixido pola psicóloga e especialista en xestión emocional, Luz Doporto Real, e no que tamén interviu como experta na temática a vicepresidenta do COE e educadora en diabetes, María José Menor Rodríguez.

Durante máis de dúas horas, pais, nais e familiares de persoas con diabetes puxeron en común inquedanzas, experiencias e coñecementos da man de Luz Doporto, quen subliñou a importancia de entender as emocións para poder regulalas e acompañar a quen ten diabetes no camiño de normalizar o seu día a día.

Pola súa banda, a vicepresidenta de ANEDIA resaltou “a importancia do apoio mutuo entre familias para poder entender e xestionar a enfermidade”, sobre todo “cando se debuta na diabetes”, momento no cal pais e nais se poden sentir angustiados e mesmo verse incapaces de axudar ós seus fillos.

María José Menor fixo fincapé na responsabilidade dos profesionais á hora de dar as pautas axeitadas dos tratamentos nos distintos estadios da vida dunha persoa con diabetes. Luz Doporto, nesta liña, quixo subliñar a importancia de adaptar ditas pautas para que os fillos e fillas gañen autonomía na xestión da súa cotidaniedade con este ‘transtorno da saúde’.  Neste senso, tanto Menor coma Doporto quixeron facer mención á importancia da linguaxe no camiño de normalizar a vida de alguén con diabetes: “alguén que ‘ten diabetes’ non é o mesmo que alguén que ‘é diabético’, xa que quen ten diabetes é capaz de manexar a situación e ter un papel activo na xestión da súa condición”.

Imprimir