Ourense, venres 6 de maio de 2022.- A xunta de Goberno do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense celebrou recentemente unha reunión coas coordinadoras de servizo de Atención Primaria da provincia de Ourense e con representantes de AGEFEC (Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria) para valorar o avance na instauración do XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo) na Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.
Ao comezo da reunión fíxose unha introducción sobre o desenvolvemento do sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo na Atención Primaria e os problemas que suscita a súa implantación prematura. Como se lembrou, estaban previstas dúas fases piloto antes de proceder á introducción do XIDE nos centros de saúde: unha primeira para realizar a recollida de motivos de consulta e avaliar a concordancia entre os diferentes profesionais implicados, e unha segunda fase na que se valoraría a implantación axeitada dos protocolos e funcionamento do XIDE para cada profesional, pero finalmente non se levou a cabo, polo que non se pode asegurar a viabilidade da instauración do sistema no estadio actual.
Os profesionais de Enfermería presentes coincidiron en valorar este modelo de xestión da demanda de forma positiva para Atención Primaria, sempre e cando se continúe coas fases de pilotaxe fixadas orixinalmente. Tamén expresaron que a instauración do XIDE na etapa de desenvolvemento na que se atopa supón un perigo para pacientes e profesionais e rexeitan taxativamente a súa posta en funcionamento na área sanitaria ourensá ata que non se asegure:
- A creación de protocolos específicos de actuación para a xestión da demanda enfermeira
- A priorización axeitada dos motivos de consulta que poidan ser, nunha porcentaxe elevada, resoltos de maneira definitiva por parte das enfermeiras
- O funcionamento habitual das consultas de Enfermería, que deben seguir facendo un seguimento axeitado do paciente crónico, actividades preventivas e comunitarias e demais tarefas da súa competencia
- A dotación apropiada de persoal de Enfermería na Atención Primaria para ofrecer un coidado digno á poboación ourensá e galega
Antes de dar por rematada a reunión, os representantes do COE de Ourense, as coordinadoras de servizo dos centros de Atención Primaria e AGEFEC mostraron o seu absoluto compromiso pola enfermería ourensá e a súa intención de impedir que se poñan trabas á accesibilidade do paciente á sanidade pública.
Do mesmo xeito, as organizacións profesionais e científicas representadas nesta reunión compartiron os puntos acordados na reunión coas organizacións colexiais de A Coruña, Lugo e Pontevedra e as distintas presidentas amosaron o seu pleno apoio. Tamén se trasladou desde o resto de provincias a intención de poñer en práctica accións similares en prol da Atención Primaria.
Para finalizar, o Colexio Oficial de Enfermería de Ourense quixo mostrar o seu apoio aos servizos susceptibles á implantación do XIDE na Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras.