Ourense, martes 15 de febrero de 2022.- Camilo Noguerol, membro da Xunta de Goberno do COE de Ourense e enfermeiro do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) pasou polos micrófonos do Hoy por Hoy de Radio Ourense - Cadena Ser para falar sobre a actual situación desta unidade. O persoal de Urxencias volveu mobilizarse este martes ás portas de entrada do servizo entre as 14,50 e as 15,10 horas, coincidindo co cambio de quenda, tras non chegar a acordo na última reunión mantida entre a Comisión de Centro, órgano que representa aos traballadores, e a xerencia do CHUO.
Os traballadores piden un incremento da dotación de personal para facer fronte á alta demanda do servizo, unha situación que se viu agravada tras a irrupción da pandemia: "Para nós a estrutura do servizo de Urxencias quedou obsoleta para dar un servicio eficiente. Temos unha provincia con unha das poboacións máis envellecida de España e Europa, e isto repercute na nosa carga de traballo; non chegan as mans", explicaba Noguerol ao xornalista Pepe González.
O persoal alerta de que as circunstancias se agravaron coa irrupción da pandemia: "O covid provocou que estoupara unha situación que xa era insostible, e agora mesmo non podemos dar un coidado de calidade ao usuario. O que pedimos e polo benestar dos pacientes, queremos darlle a mellor atención".
"Somos dialogantes e só buscamos chegar a unha solución, que esperamos chegue máis cedo que tarde. As nosas pretensións son completamente lóxicas: mellorar o servizo, que Ourense teña unhas Urxencias acordes á terceira cidade de Galicia", explica o membro da Xunta de Goberno do COE de Ourense. "Cando chegamos a esta situación na que enfermeiros, celadores, persoal de limpeza nos movilizamos é porque estamos realmente cansos", relata Camilo Noguerol, que alerta de que esta situación lonxe de ser allea á cidadanía, pode incluso afectarlle aos propios traballadores: "Somos personal que traballamos, pero tamén somos ourensáns que podemos ter que precisar dos servizos de Urxencias da cidade".