O Colexio Oficial de Enfermería de Ourense pide respeto e comprensión cara o colectivo dos profesionais sanitarios ante o sinalamento polas actividades realizadas alleas ao ámbito profesional

Prensa Visto: 5949

Ourense, venres 17 de decembro de 2021.- Despois de que nas últimas semanas se estea a poñer o foco nos gromos detectados presuntamente en celebracións pertencentes ao ámbito da vida privada nos que participan profesionais sanitarios, desde a Organización Colexial de Enfermería de Ourense esiximos respeto para os nosos traballadores e traballadoras. Tamén queremos expresar o noso apoio e solidaridade cos compañeiros e compañeiras que son obxecto de sinalamentos inxustificados.

Entendemos como unha inxustiza que desde fai uns días se lle dea máis visibilidade aos gromos que se están a dar entre profesionais sanitarios, cando outros tantos orixinados en contornas domésticas e no ámbito privado doutros colectivos non reclaman a mesma atención mediática. ​​As reunións de sanitarios que se están a sinalar estes días están comprendidas nos protocolos de actuación fixados polas diferentes administracións. En calqueira caso, se as autoridades sanitarias non están de acordo coa celebración deste tipo de reunións, o que se debe facer é cambiar a normativa vixente para o conxunto da poboación.

Separar a persoa do profesional

A labor das enfermeiras, e de todos os profesionais que forman o sistema sanitario, é certamente coidar dos homes e mulleres, nenos e nenas, avós e avoas, que forman o conxunto da nosa sociedade, uns coidados que se viron intensificados tras a irrupción da pandemia da covid-19 o pasado mes de marzo de 2020.

Do mesmo xeito, semella preciso lembrar que unha vez remata a súa extenuante xornada laboral, detrás de cada enfermeira, debaixo de cada EPI, en cada facultativo, administrativo, celador ou auxiliar, hai unha persoa con unha familia e uns amigos. Os sanitarios teñen dereito a estar cos seus seres queridos como o resto da poboación, sen que a natureza da súa profesión sexa un impedimento ou obxecto de críticas.

Desde fai case dous anos os enfermeiros e enfermeiras levan a cabo os coidados dos seus pacientes en situacións que nalgún caso puxeron en perigo as súas propias vidas. Non quedan tan lonxe aqueles días nos que o descoñecíamos todo sobre o virus e estas profesionais estaban totalmente expostas porque así se lles esixía, aínda cando a súa saúde estaba comprometida polo déficit das garantías necesarias no equipamento e materiais que supostamente debían protexelas.

Na Área Sanitaria de Ourense estamos xa na sexta onda, que é considerablemente menos mortífera grazas ao traballo dos traballadores sanitarios, ás probas diagnósticas que levan a cabo as enfermeiras os 7 días da semana, ás profesionais que están de luns a domingo, en turno de mañá e tarde, vacinando nos vacunómetros e nos centros hospitalarios aos nosos maiores, aos nenos e nenas ou aos colectivos esenciais para que a sociedade non se deteña.

É preciso recordar que, se neste momento, os cidadáns e cidadás teñen a posibilidade e liberdade de reunirse cos seus compañeiros e compañeiras é grazas á labor enfermeira, que conseguiu o fito de inmunizar ao 80% da poboación do noso país nun tempo récord.

Porén, despois de exposto, desde esta organización colexial consideramos que mentres non haxa un incumprimento por parte dos nosos traballadores e traballadoras dos protocolos fixados en materia de sanidade, teñen o mesmo dereito que o resto da poboación á desfrutar do seu tempo libre do xeito que consideren axeitado. Non se pode tolerar que cando desenvolven as súa labor profesional sexan obxecto de aplausos e elevados á figura de heroes, mais cando semellan comportarse como persoas cunha vida propia son criminalizados e esíxeselles, ademais de loitar contra este virus, ser un modelo de conduta.

A sociedade precisa asimilar que aínda que temos importantes certezas sobre este virus, aínda son moitas as incógnitas que nos impiden acabar con el definitivamente. Ata entón, debemos acostumbrarnos a vivir co virus e respetando sempre os protocolos de actuación fronte a covid-19 que nos marcan as autoridades sanitarias. Coidemos aos traballadores sanitarios con contratos e salarios dignos, con hospitais adaptados aos novos retos sanitarios, con infraestruturas e entornos laborais óptimos e, sobre todo, con respeto. Esta é a fórmula para que as enfermeiras que estiveron e están para coidarnos, o sigan facendo coa mesma ilusión, profesionalidade e respeto no futuro.

Coidémonos!

Imprimir