Sanidade publica o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Sergas

Prensa Visto: 540

Tamén se pode consultar desde este mércores a convocatoria do Plan de formación continuada para o último trimestre do ano 2021

Ourense, mércores 20 de outubro de 2021.- A Consellería de Sanidade publica este mércores o primeiro documento que recolle unha listaxe de medidas para lograr a plena igualdade entre as mulleres e os homes que traballan na Sergas. O I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024) é o resultado do traballo da Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario.

Coa elaboración deste documento a Consellería de Sanidade expresa o seu rexeitamento cara calquera tipo de discriminación contra as mulleres e das persoas máis vulnerables que traballan no Sergas.

Os obxectivos deste plan son:

• Promover a igualdade de xénero na organización para acadar a igualdade real no trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

• Diminuír desigualdades e desequilibrios que, mesmo sendo de orixe cultural e social, poidan producirse.

• Formar, informar e sensibilizar sobre igualdade de trato e oportunidades, e sobre as necesidades específicas das mulleres e os homes.

• Vixiar de forma especial a discriminación indirecta, entendendo por esta a situación en que unha disposición, criterio ou práctica, aparentemente neutro, pon unha persoa dun sexo en desvantaxe fronte a persoas do outro sexo.

Para lograr efectivamente a consecución destas metas, as medidas que se poñerán en marcha teñen que ver co acceso ao emprego público e provisión de prazas; condicións de traballo e promoción profesional ou formación, información e sensibilización, entre outras.

O documento completo está dispoñible na ORDE do 6 de outubro de 2021 pola que se publica o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024) pactado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario. 

Tamén este xoves se fixo pública a convocatoria do Plan de formación continuada para o último trimestre do ano 2021. Pódese consultar na RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2021, conxunta da Dirección Xeral de Recursos Humanos e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, pola que se publica a convocatoria do Plan de formación continuada para o último trimestre do ano 2021.

Imprimir