Álvaro Carrera

“Coñecer un paciente ao longo do tempo permítenos identificar de xeito precoz moitos problemas. Sabemos que manter o mesmo profesional de referencia ao longo dos anos diminúe a mortalidade un 30%”

Ourense, 17 decembro 2024. Álvaro Carrera é enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria dende o 2018 no centro de saúde Valle Inclán de Ourense, onde é tamén Titor Clínico de residentes. Natural de Xinzo de Limia, vinculado sempre á Atención Primaria, durante a pandemia compaxinou o seu traballo no centro de saúde coa posta en marcha do Equipo de Seguimento Compartido de Atención Primaria (ESCAP). Formou parte da implantación do sistema de Vixilancia Epidemiolóxica dos Centros Residenciais Sociosanitarios (VERSS) e tamén do nacemento e posta en marcha dos equipos de vacinación de Ourense. Por iso o ten claro: “se a pandemia nos ensinou algo que nunca debemos esquecer é que as medidas físicas como a hixiene de mans e as máscaras son outro aliado igual de importante na prevención das infeccións respiratorias”. 

Ademais, é tesoureiro da Federación de Asociacións de Enfermaría Familiar e Comunitaria (FAECAP) e membro da Comisión de Docencia do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense.

Firme defensor da especialización enfermeira e unha das voces clave na promoción da importancia da Enfermaría Familiar e Comunitaria, destaca o seu papel fundamental na Atención Primaria. Os datos falan claro: “Só o 30% das enfermeiras especialistas en Familiar e Comunitaria de Galicia están traballando na categoría de EFeC na Atención Primaria”. 

Tamén forma parte como unha das caras visibles da campaña "Revisa os medicamentos da casa", deseñada para concienciar sobre a xestión adecuada dos botiquíns caseiros e dos medicamentos caducados ou en mal estado, e será o docente do curso avanzado en inmunización sistemática e de risco ao longo de toda a vida que terá lugar no Colexio de Enfermería de Ourense a partir do mes de xaneiro.

Participas activamente na campaña "Revisa os medicamentos da casa", que busca concienciar á poboación sobre a correcta xestión dos medicamentos caducados ou en mal estado. Que impacto percibes que está a ter tanto nos profesionais sanitarios como na cidadanía?

A campaña pivota principalmente sobre a revisión das boticas domésticas e o uso dos puntos SIGRE nas farmacias, a primeira dende un punto de vista de seguridade do paciente e a segunda, de cara unha xestión responsable dos residuos dos medicamentos e diminuí-lo seu impacto ambiental. 

Creo que ten un impacto positivo para todos (pacientes e profesionais), para reforzar unha actuación normalizada na Atención Primaria, e unha lembranza para aclarar dúbidas en canto a que residuos se desbotan nestes puntos e tamén dende o punto de vista de seguridade do paciente, de evitar acumular na casa fármacos innecesarios, caducados ou en mal estado. 

Ven a ser un importante reforzo do Programa de Atención ao Paciente Polimedicado e Prácticas Seguras coa medicación.

A túa carreira como enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria foi moi activa dende o inicio. Que che levou a especializarte nesta área e que é o que máis valoras do teu traballo en Atención Primaria?

Cheguei a esta profesión un pouco por casualidade e por instinto, pero sempre tiven claro que o meu lugar xa dende o inicio da carreira estaba na Atención Primaria ou na Saúde Pública. Cando finalicei, comezaba a moverse a especialización máis alá de obstétrico-xinecolóxica e tiña moi claro que a miña carreira profesional tiña que estar na Primaria. A situación de extrema precariedade laboral que había na época – non había traballo para nós - axudou a centrarme nesa vía.

Valoro moitos aspectos. No profesional, na Atención Primaria, a diferencia doutros ámbitos, non temos teito profesional e, a maiores, se te organizas ben e aproveitas a lonxitudinalidade da túa cota de poboación asignada, podes facer un desenvolvemento espectacular no plano dos coidados. 

Outro dos aspectos profesionais é a relación lonxitudinal cos teus pacientes, a relación de confianza que se xera entre ambos, e a capacidade de entender e individualizar a resposta do sistema sanitario ás necesidades do paciente, individualizando o seu contexto individual, familiar e socio-comunitario. Coñecer un paciente ao longo do tempo permítenos identificar de xeito precoz moitos problemas. Sabemos que manter o mesmo profesional de referencia ao longo dos anos diminúe a mortalidade un 30%. Unha mágoa que non se “aplique o conto” en fomentar esa estabilidade no cadro enfermeiro da AP.

Dende o punto de vista persoal é moi gratificante a atención integral e resolución de problemas de saúde do máis diversos que podemos imaxinar, así como a satisfacción de acompañar as persoas ao longo das súas vidas.

A campaña de vacinación de gripe e covid deste ano comeza despois dunha tempada 2023-2024 na que se viu unha actividade gripal moi intensa en comparación coas tempadas anteriores (antes e despois da covid) e un aumento nas hospitalizacións. É a enfermaría e a Atención Primaria a primeira barreira de contención?

A vacinación é unha actividade de prevención primaria, forma parte da carteira básica de servizos da Atención Primaria e tamén das enfermeiras deste nivel asistencial. É máis, forma parte do ADN das mesmas, e unha importante área competencial específica da especialidade de Familiar e Comunitaria.

Xa moito antes da pandemia, no momento no que a vacinación sistemática recaeu e se normalizou totalmente esa prestación autónoma polas enfermeiras da Atención Primaria, as taxas de cobertura incrementáronse de xeito moi significativo. A lonxitudinalidade na atención, a promoción da inmunización todo o ano e a confianza nas enfermeiras, son as chaves destes resultados. A pandemia visibilizou na sociedade esta realidade xa consolidada. 

A vacinación é un aliado moi importante, xa non só na redución da incidencia, se non sobre todo na prevención de casos graves e as súas secuelas. 

Porén, se a pandemia nos ensinou algo que nunca debemos esquecer é que as medidas físicas como a hixiene de mans e as máscaras son outro aliado igual de importante na prevención das infeccións respiratorias. E estas medidas preventivas físicas son coidados básicos, elementais e esenciais. Coidados que como enfermeiras debemos promover en tódolos ámbitos e contextos, non só en situación de emerxencia sanitaria.

Comentaches noutras ocasións que a figura da enfermaría en Atención Primaria é coñecida pola proximidade cos pacientes, pero que a especialidade de Enfermaría Familiar e Comunitaria segue sendo pouco recoñecida. A que cres que se debe esta falta de visibilidade?

Máis que cuestión de visibilidade, diría falta de vontade de ordenación profesional. Segundo os datos publicados pola Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria no pasado mes, só o 30% das enfermeiras especialistas en Familiar e Comunitaria de Galicia están traballando na categoría de EFeC na Atención Primaria. A inmensa maioría están traballando no sistema público, fóra da Atención Primaria. Están privando o desenvolvemento destes profesionais, e o que é máis grave, privando á poboación de acceder a coidados especializados na Atención Primaria.

Causas? Pois claramente dúas. A primeira profesional. A Enfermaría é unha profesión maioritariamente feminizada, de non ser así, probablemente non conservariamos a esencia e o valor do coidado. Pero esta realidade, da lugar a unha discriminación sistemática, cun fondo de xénero, negándonos o noso sitio de xeito sistemático: véxase ter as especialistas traballando fóra do ámbito da súa especialidade, negar o recoñecemento do A1, negarnos o recoñecemento da prescrición enfermeira, negarnos o acceso a postos de xerencia e macroxestión...

A segunda do sistema. A Atención Primaria é vista como un problema e un apéndice dentro do conxunto do sistema sanitario. Resolvemos o 90% dos problemas de saúde da poboación, pero trátasenos de porteiros do sistema. Infrafinánciasenos de xeito sistemático. A nosa carteira de servizos e os nosos resultados non se avalían periodicamente, polo tanto, non hai retroalimentación aos profesionais. Dificúltasenos o acceso a investigación. Négansenos recursos xerenciais acorde as nosas necesidades. Carecer de xerencias propias limítanos a hora de afrontar, xestionar, adecuar e optimizar os nosos recursos, para dar resposta ás necesidades da poboación. E como non, dende outros recursos asistenciais “róubasenos” o talento en tódalas categorías profesionais.

Cal é a situación actual das e dos especialistas en Enfermaría Familiar e Comunitaria? Como cres que se podería mellorar para que máis especialistas traballen na súa área de formación?

Neste momento temos unha grave crise de ordenación profesional, que máis tarde ou máis cedo vai acabar nun grave conflito laboral. 

O máis importante neste momento é levar a cabo un plan de choque para situar na Atención Primaria a tódalas especialistas dispoñibles. Neste momento só pertencen a categoría o 7% das enfermeiras de familia. Se se levase a cabo ese plan de choque, os especialistas seríamos case o 24% do cadro enfermeiro da Atención Primaria (o IGE estima no ano 2023 2.502 enfermeiras na AP en Galicia).

Unha vez superado este plan de choque, a asimilación debería ser progresiva, en función da dispoñibilidade de especialistas. Estamos falando que Galicia ofertou no 2023 un total de 52 prazas e, no 2024, 53. Actualmente estamos formado a capacidade máxima das unidades docentes, non hai máis capacidade de formación. Se superamos este limiar coa realidade actual, vai necesariamente implicar unha redución da calidade formativa, e o sistema de avaliación da estrutura docente non nolo permite.

En relación coas prazas EIR para a especialidade, fálase dunha oferta limitada. Cres que esta situación está a influír no desenvolvemento da especialidade? Que cambios serían necesarios para solucionar este problema?

Un incremento desmesurado da oferta neste momento podería provocar un grave conflito laboral, xa que non se están ubicando ás enfermeiras especialistas de familia e comunitaria nos postos que lles corresponden, que son os cadros de Atención Primaria.

En canto á capacidade de incremento de prazas, a nivel de Galicia, estamos en capacidade máxima. De feito, en Ourense vímonos na obriga de reducir de 7 a 5 prazas de Enfermeira Interna Residente na actual convocatoria, por falta de capacidade da estrutura docente. 

Cos novos criterios de acreditación dos centros docentes de Atención Familiar e Comunitaria, do total de dez centros acreditados na provincia, hai catro centros de saúde que van perder a acreditación para poder formar residentes, por carecer de máis enfermeiras especialistas no cadro de persoal e, nos máis grandes, perderemos polo menos unha praza bianual. Salvo que se creen máis prazas estruturais, isto vai traducirse en que a oferta será aínda menor, de 2 ou 3 prazas ano, segundo a convocatoria.

Polo tanto, a solución pasa por incrementar nos mesmos a presenza de enfermeiras especialistas en familiar e comunitaria no cadro de persoal.

Por outra banda, medrar a capacidade formativa dunha especialidade pode ir en detrimento doutra, ou incluso do pregrao. Os centros (tanto de primaria como hospitalaria) son os que son, e teñen os pacientes que teñen, e iso condiciona a actividade anual dos servizos implicados na formación dos futuros especialistas. Se os servizos non teñen un volume axeitado de casos, para que os residentes poidan ver e tratar, non poden aprender nin adquirir as competencias necesarias para exercer a especialidade. De aí a acreditación e o volume mínimo de actividade asistencial.

Dende a Comisión de Docencia e Investigación do Colexio de Enfermería de Ourense trabállase nunha programación ampla que responda as necesidades da enfermería en Ourense. O futuro da profesión pasa pola formación continuada e a especialización?

Vivimos nunha etapa en que o futuro de calquera oficio e profesión pasa pola actualización de coñecementos, perfeccionamento de habilidades e especialización dos campos. Esta realidade, na nosa profesión sempre ten que ir ligada coa visión integral do paciente, de aí os espazos de encontro ou solapamento das diferentes especialidades no caso da Enfermaría.

O noso traballo principal é asesorar e apoiar á Xunta de Goberno do Colexio. A Comisión é heteroxénea en canto aos perfís profesionais que formamos parte dela, complementándonos entre todos. Ese é un punto moi forte que nos dá a oportunidade de chegar á gran maioría, independentemente do recurso asistencial ou ámbito de competencia de exercicio da profesión.

Mirando cara ao futuro, como ves o desenvolvemento da Enfermaría Familiar e Comunitaria nos próximos anos en Galicia? Cres que se está avanzando na dirección correcta ou aínda quedan obstáculos importantes por superar?

O avance do desenvolvemento da especialidade en enfermaría familiar e comunitaria é máis tórpido que unha ferida de difícil cicatrización infectada cunha bacteria meticilín resistente, e non esaxero. Se temos en conta que despois de ter formado o SNS no 2019 uns 100 especialistas galegos, o SERGAS apenas tiña contratados uns 15 en toda Galicia... 60.000€ de erario público por profesional. Botamos contas na realidade actual cuns 600 e só o 30% destes na Atención Primaria...

O avance segue sendo tórpido, e os principais obstáculos son a neglixencia de moitos implicados na toma de decisións, que non o son todos afortunadamente: políticos, xestores e algún sindicalista con intereses persoais en contra do desenvolvemento da nosa profesión. 

Imaxínese nunha empresa privada na que se crea unha figura profesional, se inviste 60.000€ en formar a cada profesional, para desenvolver unha actividade especializada nun posto determinado, e despois de realizar ese investimento, non só non reteñen o seu empregado, se non que o despiden ou o contratan para calquera outro posto, no que non vai poder desenvolver a súa especialización e competencias, situando nese lugar a outro profesional sen esa especialización e competencias. Agora cóntalle iso aos cidadáns e o uso que se lle da aos seus impostos. E cóntalle tamén que por esa mala xestión, se lles está denegando o acceso a coidados especializados na Atención Primaria, xerando iniquidades.


Imprimir  

Estamos en:

We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.