A enfermeira Ana Belén Rodríguez Feijóo, especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria e enfermeira da Unidade Multidisciplinar Poscovid do CHUO | Fonte: COE Ourense.
Ourense, 26 de xaneiro de 2023.- Aínda que intentemos falar do Covid en pasado, o certo é que veu para cambiarnos a vida para sempre e a súa presenza aínda está máis ou menos latente na sociedade. De feito, son moitas as persoas que a día de hoxe padecen secuelas, diagnosticadas ou non, que se manifestan en máis de douscentos tipos de síntomas de Covid persistente.
Este novo contexto surxido coa pandemia trouxo consigo novas esixencias e a necesidade de facer fronte ós retos impostos pola Covid. Mostra disto é a aparición de unidades específicas nos complexos hospitalarios destinadas a tratar de xeito integral a pacientes que arrastran secuelas da enfermidade.
Para coñecer como funcionan estes novos servizos surxidos polo novo contexto sanitario, na sección ‘Conoce a tu enfermer@’ deste mes de xaneiro falamos con Ana Belén Rodríguez Feijóo, especialista en Enfermería Familiar e Comunitaria e enfermeira asignada á Unidade Multidisciplinar Poscovid do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (con funcións de seguemento e xestión de casos e coordinación de actividades da Unidade Multidisciplinar Poscovid).
Na actualidade, preto de trescentas persoas da nosa área sanitaria están a ser tratadas nesta Unidade. Delas, arredor de 120 participan no proxecto CoPerIA (Covid Persistente + Intelixencia Artificial), un estudo de investigación que fai que a sanidade pública de Ourense sexa pioneira na investigación da Covid Persistente dende unha perspectiva transversal e multidisciplinar.
Como está configurada a unidade Unidade Multidisciplinar Poscovid? Como é o día a día desta?
O plan funcional do Sergas para a creación das Unidades Multidisciplinares Poscovid en Galicia data do 23 de marzo do 2021; nel especifícase que a unidade estará formada, polo menos, coas seguintes disciplinas: Medicina Interna, Neumoloxía e Enfermería con función de xestión de casos e consulta de coidados específicos.
No comezo captaba ós pacientes a través da revisión das altas hospitalarias que eran derivadas á unidade; contactaba con eles ó día seguinte á alta, á semana e ó mes, valorando a súa evolución, problemas potenciais e reais, así como a xestión da primeira consulta co médico da unidade. Segundo as súas condicións físicas realizaba tamén o primeiro encontro presencial e, dependendo da persistencia de síntomas, a atención enfermeira prolongábase ou non. Hoxe en día practicamente tódolos pacientes novos que recibo proveñen de Atención Primaria derivados polos médicos da unidade. Neste intre sobre 90 pacientes reciben atención enfermeira específica.
Cal é o papel da enfermeira nesta unidade? En que se pode diferenciar do traballo noutros servizos?
A consulta de Enfermería empezou a funcionar oficialmente en xuño do 2021, e foi todo un reto. Eu partía coa vantaxe de levar dous anos seguindo a pacientes con Covid na súa fase aguda, xa que formaba parte do Equipo de Seguemento Compartido Atención Hospitalaria/Atención Primaria e estaba familiarizada coa sintomatoloxia, vendo como nalgúns casos persistía no tempo, o que non me librou nin me libra do continuo estudo de bibliografía sobre a enfermidade.
A consulta cabalga entre a atención telefónica e a presencial; na telefónica faise valoración de síntomas de forma integral, porque a Covid Persistente afecta a tódolos niveis: físico, psíquico, social, laboral…; aporto coidados en consonancia cos problemas detectados, os máis habituais están en relación con exercicios respiratorios básicos, xestión da actividade, alimentación…, e sobre todo, moita escoita activa. Na consulta presencial, ademáis da toma de constantes, trato con máis profundidade os problemas detectados, realizo probas físicas sinxelas, e paso diversas escalas dirixidas a obxetivar o cansancio, a calidade de vida, a memoria, etc.
Dende a consulta de enfermería tamén se impulsa unha serie de actividades dirixidas ós pacientes, co obxetivo de axudarlles a xestionar mellor a enfermidade na vida diaria; neste intre imos xa co “2º Programa de Educación para a Saúde dirixido a pacientes con Covid persistente”, o cal consiste en reunións grupais de periodicidade quincenal, con colaboración multidisciplinar de profesionais tales como psicólogo, fisioterapeuta, traballadora social, enfermeiras de Atención Primaria, etc. Temos outras actividades en marcha como talleres de musicoterapia, risoterapia, manualidades, así como a previsión de clases de ioga. Todo isto axuda ó paciente tanto física como cognitivamente.
Cales son os maiores retos que vos atopades no traballo diario? Botades en falta algún recurso/axuda ou considerades que traballades en circunstancias axeitadas?
O maior reto no traballo diario é coidar a persoas que en moitos casos carecen de calidade de vida pola Covid persistente e que hoxe por hoxe non saben como vai a ser o seu futuro.
Pola miña parte, dende o traballo enfermeiro hai un ambiente colaborativo co resto dos profesionais e sempre que preciso algo normalmente recibo resposta.
O hospital de Ourense é pioneiro no tratamento do ‘poscovid’… En que consiste, en liñas xerais, o Proxecto CoPerIA? Cal é o obxectivo final do mesmo?
As Unidades Multidisciplinares PosCovid están presentes en toda Galicia, en España hai alguna comunidade na que tamén funcionan, non así a consulta de Enfermería de coidados específicos.
O proxecto CoPerIA é un estudo de investigación dirixido a pacientes con Covid persistente, no que como membro da unidade colaboro, sendo o investigador principal o Doutor Alejandro García Caballero, gran profesional e experto investigador.
Cales son os síntomas máis frecuentes que vos atopades en pacientes con Covid persistente? Como é a resposta da xente aos tratamentos propostos? Notades medo entre as persoas afectadas?
Hai descritos máis de douscentos síntomas en relación coa Covid persistente. Os máis comúns son a fatiga respiratoria e muscular, dor de cabeza, insomnio, dificultades cognitivas… A día de hoxe aínda se descoñece a súa causa exacta, polo que tratamento se centra nos diversos síntomas que poidan xurdir. Son pacientes que se sinten incomprendidos socialmente e nalgúns casos sanitariamente, xa que carecen en moitos casos de probas médicas obxectivas que testifiquen os seus males.
Dades resposta integral, xa que se trata dunha unidade multidisciplinar e ofrecedes rehabilitación física e coognitiva. Neste senso: Como se dá a coordinación entre os distintos profesionais?
As especialidades médicas que colaboran con Medicina Interna e Neumoloxía son algunhas como Cardioloxía, Neuroloxía, Rehabilitación, etc. Eu, como xestora de casos, trato de aportar os mellores coidados ó paciente, polo que nalguha ocasión é preciso coordinarse de forma máis estreita con Atención Primaria, Traballo Social, Psicoloxía, etc., así como facilitarlle o camiño na súa enfermidade, por exemplo, co trámite de citas.
As premisas básicas desta consulta son o acompañamento, a confianza, a humanización; nela non se xulga nin se impón nada, danse consellos, realízanse acordos e o ritmo é marcado polo paciente.
E vós, os/as profesionais, como o estades a vivir? Sodes testemuños en primeira liña das consecuencias da Covid e estamos a falar dunha Unidade inimaxinable tan só tres anos atrás…
O seu funcionamento é laborioso, pero o esforzo vese recompensado polo feedback positivo que recibo. Cada día os pacientes ensínanme algo novo e danme unha lección de vida.