"Con constancia por parte do paciente e cunha supervisión correcta da Enfermería, os pacientes asmáticos e EPOC poden ter calidade de vida"

 

colegio oficial enfermeria ourense curso nebulizadores inhaladores camaras espaciadoras

 

Raquel Pérez Rodríguez ten experiencia impartindo este curso desde 2007. Na imaxe, unha das edicións celebradas na sede do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense | FONTE: COE de Ourense

Ourense, xoves 19 de maio de 2022.- O comezo da Revolución Industrial fai máis de dous séculos marcou un dos grandes cambios da historia da humanidade. Empezou entón un éxodo das zonas rurais, cunha economía basada fundamentalmente na agricultura, gandeiría e comercio, cara ás cidades, onde o desenvolvemento dun primixenio tecido industrial foi a base da economía industrializada e urbana actual.

Este punto de inflexión supuxo a consecución de grandes logros para a sociedade, pero é innegable que tamén arrastra graves consecuencias para a saúde pública. Con núcleos urbanos máis masificados non é de extrañar que cada vez sexan máis as enfermidades cuxa aparición e agravamento presentan un vínculo directo con factores de contaminación ambiental, froito do modelo de sistema no que vivimos. A Organización Mundial da Saúde (OMS) alertaba no 2018 que nove de cada dez persoas de todo o mundo respiran aire contaminado, un dos factores condicionantes de enfermidades crónicas como a asma ou a Enfermidade de Obstrucción Pulmonar Crónica (EPOC). Estas patoloxías, que entorpecen a entrada de aire aos pulmóns e polo tanto dificultan a respiración, afectan en total a uns seis millóns de persoas en España.

Para estes pacientes un correcto tratamento e seguimento das terapias estipuladas polos profesionais sanitarios é clave. As enfermeiras teñen a responsabilidade de que así sexa, por iso é fundamental que coñezan o funcionamento dos distintos dispositivos que han de empregar as persoas afectadas por estas enfermidades respiratorias, uns aparellos que se actualizan constantemente.

Neste sentido, e mantendo a aposta pola formación continuada das nosas profesionais, o Colexio Oficial de Enfermería de Ourense organiza o curso Manexo de dispositivos inhaladores, cámaras espaciadoras e nebulizadores os días 30 e 31 de maio. A formación correrá a cargo de Raquel Pérez Rodríguez, profesional de Enfermería con 15 anos de experiencia impartindo este curso. A inscrición está dispoñible ata o vindeiro venres 20 de maio e a matrícula é totalmente gratuíta para as colexiadas do COE de Ourense.

Que diferenzas existen entre dispositivo inhalador, un nebulizador e unha cámara espaciadora?

A forma de presentación, pois todos eles son dispositivos indicados para a terapia inhaladora. Os dispositivos inhaladores son os máis comunmente coñecidos pola sociedade.

As cámaras espaciadoras están asociadas a un tipo concreto de dispositivo inhaladores, os presurizados. Deste xeito conséguese aproveitar mellor o medicamento cando hai unha crise asmática ou por EPOC.

As nebulizacións están indicadas para pacientes que polo seu estado de saúde non son capaces de realizar unha inhalación efectiva para que a medicación chegue desde o dispositivo, na boca, ata o pulmón. Están pensadas especialmente para poboación anciá ou en situacións nas que, polo deterioro e saúde ou estado cognitivo da persoa, a capacidade inhalatoria do doente é insuficiente para o emprego dun dispositivo inhalador. Os nebulizadores tamén se empregan no ámbito hospitalario para situacións agudas cando é preciso incrementar as doses de fármaco, e a maneira máis efectiva é a través destes dispositivos.

Estes dispositivos só están indicados para pacientes con asma e EPOC?

Fundamentalmente sí, pois a través da vía inhalatoria a absorción dos fármacos é moito máis eficaz, especialmente en problemas de saúde respiratorios porque o medicamento vai directamente á zona diana. 

Esta formación está orientada para profesionais de Enfermería dunha área en concreto?

Para enfermeiras de calquera ámbito asistencial, xa sexa Atención Primaria, hospitalaria ou Puntos de Atención Continuada (PAC), tanto en poboación pediátrica ou adulta, porque en calquera desas áreas nos podemos atopar con un paciente broncópata cunha crise respiratoria e necesitará medicación, normalmente por vía nebulizada.

Os pacientes con afeccións respiratorias poden ingresar nunha unidade hospitalaria por moitos outros procesos, como un problema de saúde dixestivo, oncolóxico, etc., e a medicación que habitualmente recibe no domicilio debe continuar no hospital porque na maioría dos casos estamos falando de pacientes crónicos.

Todas as profesionais de Enfermería, independentemente de cal sexa o seu ámbito de actuación asistencial, deben coñecer estes dispositivos inhaladores porque cada vez hai máis modelos no mercado, que se actualizan de xeito constante. A miña experiencia impartindo este curso remóntase ao ano 2007 e desde entón puideron saír fácilmente ao mercado dez dispositivos diferentes. E a tendencia continua. Por iso debemos manternos actualizadas, pois ás veces os propios profesionais descoñecen os dispositivos e este descoñecemento inflúe no paciente: fálase de que máis do 70% dos pacientes con terapia inhalatoria non manexa ben os dispositivos.

Que papel xogan as enfermeiras na educación destes pacientes á hora de empregar correctamente estes instrumentos?

A nivel hospitalario existen consultas de Enfermería nas unidades de Neumoloxía e as súas profesionais están perfectamente formadas e coñecen os diferentes dispositivos que hai no mercado; é nestas consultas onde o paciente vai aprender a empregar estos instrumentos.

En Atención Primaria páutase o tratamento na consulta médica e é este profesional o que lle indica ao paciente que na consulta de Enfermería lle ensirán o seu uso correcto. O que acontece e que á veces os doentes xa non acuden onde as enfermeiras e atopámonos con moitos casos con que teñen crises respiratorias de forma regular, non porque o fármaco non sexa o adecuado, senón porque o emprego dos dispositivos é inadecuado.

Ademais dun correcto manexo dos dispositivos, que importancia ten entón a constancia no tratamento?

É fundamental. Insisto en que a técnica non é difícil pero hai que ser constante, realizando o tratamento diariamente. Deste xeito, e cunha supervisión correcta por parte das profesionais de Enfermería, estes pacientes poden ter calidade de vida durante moitos anos.

Cando isto non ocorre a responsabilidade é das dúas partes. Pola banda da profesional de Enfermería polo descoñecemento e falta de información sobre estes dispositivos e por parte do paciente pola falta de regularidade.

Se este proceso non está correctamente controlado, isto ten consecuencias, en primeiro lugar, para a saúde dos pacientes. Tendo en conta que isto é o primordial, non podemos esquecer que un mal uso dos recursos deriva tamén nunha maior custa sanitaria porque os doentes cunha enfermidade respiratoria mal tratada acudirán a Urxencias con máis frecuencia.

Cal é a diferencia entre o tratamento diario e aquel ao que acude un paciente asmástico ou con EPOC en caso de crise respiratoria?

O normal é que cada paciente respiratorio teña dous dispositivos inhaladores, a pauta diaria, antiinflamatoria, e o medicamento broncodilatador para cando se está ante un proceso agudo para que a persoa afectada poida experimentar un aumento da capacidade pulmonar, aínda que sexa nunha porcentaxe discreta, pero que lle permita alo menor achegarse ata Urxencias para resolver de mellor forma esa crisis.

Quero insistir en que o tratamento en pacientes EPOC e asmáticos debe ser diario, a base de antiinflamatorios, xa que estamos ante unha enfermidade crónica, para controlar a inflamación do bronquio e asegurar que poida ventilar ben. O que acontece é que hai pacientes que non se sinten cómodos utilizando estes dispositivos, ou non saben como empregar as cámaras espaciadoras, entón só usan o fármaco broncodilatador en momento de crise, e isto é un erro e implica un gran perigo para o paciente. Sempre comparo as enfermidades respiratorias como asma e EPOC coa diabetes, en relación ao seguimento, coidado e control da enfermidade: un paciente diabético non pode reducir o seu tratamento aos momentos nos que sufre unha crise hiperglucémica, ten que haber un coidado diario, pois, pola contra, chegará un momento en que a persoa faga un coma diabético e o corra o risco de falecer.

Ao igual que acontece coa diabetes, se un paciente asmático ou EPOC é constante no tratamento e segue unhas pautas de vida saudables, pode levar unha vida normal?

Unha vida totalmente normal. Un paciente con asma ou EPOC que realiza exercicio habitualmente, que non consume tóxicos como o tabaco, que sigue unhas pautas de vida saudable e que é regular á hora de administrar o seu tratamento pode vivir con normalidade. De feito, como indico durante a formación, hay deportistas asmáticos de alto nivel. Como evitan estas persoas unha crise asmática a consecuencia dun esforzo excesivo como o que realizan cando están practicando ese deporte a nivel profesional? Seguindo un tratamento antiinflamatorio diario, e tamén, nalgúns casos, con unha dose do fármaco broncodilatador de xeito preventivo.


Imprimir  
We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.