"Todo evoluciona, pero a profesionalidade dos coidados ao paciente e a calidade asistencial deben permanecer"

 

Dia internacional enfermeria estudantes xubilados

 

De esquerda a dereita, Julián e Lucía, estudantes da Escola de Enfermería de Ourense, e Lina e Moncho, profesionais recentemente xubilados | FONTE: Colexio Oficial de Enfermería de Ourense

Ourense, xoves 12 de maio de 2022.- A sociedade actual afrontou unha situación extraordinariamente singular durante os últimos dous anos. A cotidianidade coa que estabamos familiarizados sufriu unha transformación total para poñer fin á pandemia do covid, un proceso de adaptación a un novo contexto que a Enfermería viu, y viviu, en primeirísima persoa. As secuelas que arrastran as profesionais de Enfermería son indubidables, non só pola presión laboral, física e mental, que supuxo a chegada do virus, senón pola observación de que a impresión que deixou a labor das enfermeiras na sociedade, antepoñendo a súa profesión á súa vida, se atenúa segundo a normalidade recupera o espazo que perdera.

Por esta razón, quizáis sexa o momento de reflexionar sobre o aprendido e logrado nas últimas décadas polas enfermeiras, o estado no que se atopa a Enfermería na actualidade e o resto a enfrontar no futuro para elevar a profesión á súa máxima expresión. Para tentar verter algo de luz sobre esta liña temporal, aproveitamos o Día Internacional da Enfermería para xuntar a dúas xeracións enfermeiras que se atopan nas antípodas das súas carreiras profesionais: Lucía e Julián, estudantes da Escola de Enfermería de Ourense, e Moncho e Lina, recentemente xubilados dos seus postos no centro de saúde de Nóvoa Santos e o Punto de Atención Continuada (PAC) de Maceda, respectivamente.

Sen dúbida algunha, a Enfermería que uns viviron e outros vivirán é completamente diferente, como tamén o foi o motivo que os levou a cada un a ligar a súa vida laboral á Enfermería. “Dinme conta de que quería ser enfermeira mentras cursaba o Grao de Medicina. Non pensara na Enfermería ata ese momento porque a miña mentalidade era á que ten unha parte da sociedade, que a enfermeira só pon vacinas, fai análises e cumpre ordes do médico; cando me din conta de que era moito máis, contacto co paciente e coidados, autonomía e desenvolvemento profesional, comprendín que me encantaba”, explica Lucía, que malia estar en primeiro curso, ten claro que é a profesión da súa vida. Julián, a un mes de acadar o título de graduado en Enfermería, tomou a decisión cando descubriu, como a súa compañeira, todo o que a Enfermería é: “No seo familiar recibín moita educación en coidados e acompañamento, non tanto a nivel profesional, pois só miña irmá está no ámbito sanitario, pero si no plano familiar. Comecei a informarme e entendín o que é esta profesión, a profesionalidade dos coidados e do acompañamento ao paciente, a proximidade; todo iso me gusta”.

Lina, que se xubilou o pasado decembro, bota a vista atrás. Ao principio tamén dubidaba, “cheguei pensando ‘A ver canto duro, a ver que pasa”, pero despois de 43 anos traballados, confésase enganchada á profesión: “Encantoume desde o primeiro momento, e cada día enganchoume máis e máis, non me imaxinaba facendo outra cousa e catro décadas despois sigo pensando o mesmo. Volvería empezar outra vez sen dubidalo”. Moncho, ata o pasado marzo enfermeiro no centro de saúde de Nóvoa Santos, di tamén estar namorado da Enfermería. “Foi a miña profesión e sempre o será. Tomei a decisión de formarme para ser enfermeiro grazas ao practicante que había no meu concello, un home que me cautivou pola súa cultura e o seu saber e me transmitiu a súa vocación. Se volvese nacer corenta veces, corenta veces sería enfermeiro”

As razóns que levaron a cada un dos entrevistados a vincularse á profesión enfermeira son diferentes, pois o contexto no que tomaron a decisión tamén o foi. A xeración de profesionais que agora se retira da actividade foi testemuña, e responsable, de grande avances para as enfermeiras: se cada vez vemos máis compañeiras como líderes de proxectos de investigación ou en postos de xestión ao máis alto nivel, foi grazas a elas. Pero, foi fácil acadar estes logros?

“Custou moito, especialmente a xestión enfermeira, que supuxo un pulo importantísimo para a profesión. A creación da Dirección de Enfermería, ao mesmo nivel que a médica, permitiunos decidir o futuro da nosa profesión e orientala cara onde debía ir. Foi un dos grandes avances que acadamos”, recorda Moncho, que durante 35 anos foi enfermeiro na Unidade de Raios do hospital ourensán, 26 deles como supervisor, e os dez últimos en Nóvoa Santos. Outro gran cambio que influíu considerablemente na forma de traballar no ámbito asistencial foi a dixitalización dos procesos coa chegada da informática ao sistema sanitario. Se esto foi posible, lembra Moncho, é grazas ao legado enfermeiro das xeracións anteriores, “que nos deixaron unha Enfermería de calidade a pesares de contar con moitos menos recursos que nós”.

Lexos de dar por sentado o progreso vivido pola profesión, Lucía e Julián consideran, aínda como estudantes, que hai que seguir traballando para poñer en valor a labor das enfermeiras. “É certo que o papel da Enfermería gañou recoñecemento social, pero penso que é necesario seguir prestándolle atención a esta reivindicación, como tamén é importante que as enfermeiras ocupemos cada vez máis espazo na xestión e sen olvidar a investigación, fundamental na nosa profesión”, considera Lucía. Julián coincide coa súa compañeira e engade que “os coidados son unha ciencia e temos que investigar ao respecto, non hai figura profesional máis axeitada que a enfermeira para estudalos”. 

“Todo evoluciona -responde Lina-: as técnicas, as ferramentas, etc. Pero a profesionalidade dos coidados ao paciente e a calidade da atención deben permanecer, non poden cambiar porque os pacientes van seguir precisando iso de nós. Cando as persoas estamos enfermeras somos moi vulnerables, como tamén o é a nosa familia, especialmente cando hai un ingreso hospitalario de por medio. A amabilidade e cariño que transmitamos din moito dun enfermeiro, e é algo tan importante como saber aplicar correctamente un tratamento”.

Moncho considera que “como responsables do confort e dos coidados do paciente, debemos ter empatía non só con eles, senón con todos os profesionais que nos arrodean e cos que traballamos cóbado con cóbado se non, quen as paga, é o paciente. A Enfermería é unha arte e como tal temos que saber defendela e iso depende de nós en primeira instancia, sendo pulcros no noso traballo diario e recoñecendo os nosos erros, porque isto é o que fai bo a un profesional. É o menos que podemos facer, xa que as persoas depositan a súa confianza en nós para axudalos a superar a súa enfermidade”.

A sociedade transfórmase e a Enfermería faino á par, grazas a capacidade de permeabilidade para dar resposta da forma máis efectiva posible ás necesidades sanitarias da cidadanía. Porén, un dos grandes retos que terán que afrontar as xeracións de Lucía e Julián é a maduración, ampliación e especialización dos coidados a unha poboación cada máis máis avenllentada, pluripatolóxica e con enfermidades crónicas. “Efectivamente, somos os responsables do coidado dunha cidadanía moi envellecida que requerirá coidados especializados e para iso deben aumentar os recursos humanos, económicos e tamén a aposta por especialidades como a de Enfermería Xeriátrica”, defende Julián.

“Tal como dis, Julián, a falta de persoal é un dos grandes problemas que temos. Ás veces é imposible abarcar todas as nosas tarefas, coidados e tratamentos aos pacientes, e isto non pode ser. Houbo veces que íamos tan apuradas que apenas te fixabas na cara dun paciente, e cando o reflexionabas despois… A min eso matábame”, lamenta Lina.

A realidade actual non dista dos anos que recorda Lina. De feito, as taxas de enfermeira-paciente seguen a ser unha das principais reivindicación do colectivo enfermeiro a día de hoxe, pois Ourense presenta unha das máis baixas de todo o país, con menos de 4 enfermeiras por cada 1.000 habitantes. É evidente que fan falta profesionais de Enfermería, pero tamén que as condicións laborais que se ofrezan sexan dignas: “As enfermeiras están marchando, é comprensible; con contratos precarios dun día ou dunha semana é imposible construir unha vida, a xente está arrastrada. Verdadeiramente é unha pena porque saímos moi ben formados, con razón nos queren en todos lados”, di Lina, ao que Moncho engade que “ademais hai que pensar que nos próximos 5 anos o 45-50% da Enfermería do Sergas se xubilará”.

E será ese o momento no que varias xeracións de enfermeiros accedan ao sistema sanitario galego. Lucía, en primeiro de Enfermería, aínda non ten claro que ámbito elixir: “Non teño nin idea, cada persoa coa que falo me conta a súa experiencia en diferentes unidades e sectores e claro, así de primeira, sen ter tido ningunha práctica, apetéceme todo”. Julián, que se gradúa a finais deste mes, xa tivo que pensar cara onde orientar o seu futuro profesional máis próximo. “Atráeme Atención Primaria porque é unha Enfermería de abordaxe comunitaria, con actividades nas escolas, coa poboación. Gústame ese sentimento de acompañamento de preto ao paciente, de poder coñecer ao teu cupo, aínda que ás veces lóxicamente non é posible. Pero penso que me apasionan aínda máis os coidados a pacientes de unidades de Saúde Mental ou Psiquiatría, e intentarei seguir esa liña”.

“Entrades a formar parte dunha profesión tremendamente gratificante e fermosa, por esa posibilidade que che da de axudar, protexer e coidar aos demais. E iso, ao final da vosa vida profesional, non hai diñeiro que o pague. Douvos a noraboa por ter elixido a Enfermería como oficio”, felicita Moncho a Julián e Lucía. Lina anima á nova xeración a que “alá onde vaiades vos empapades de coñecementos, porque esa aprendizaxe seravos sempre útil, e realizade as vosas tarefas con ganas, esmero e pulcritude, porque a satisfacción do traballo ben feito non hai diñeiro que a pague”. “Para finalizar, aconsellaríavos que vos apoiedes máis no colexio profesional, que é quen nos vincula á nosa profesión. Os representantes van e veñen pero as institucións quedan e esta organizacióné a unha herdanza que vos deixamos. A forza, a seguridade e o futuro do voso traballo, quen ten a capacidade de emanar a filosofía de unión do colectivo é o Colexio Oficial de Enfermería”. 


Imprimir  
We use cookies

Usamos cookies en nuestro sitio web. Algunas de ellas son esenciales para el funcionamiento del sitio, mientras que otras nos ayudan a mejorar el sitio web y también la experiencia del usuario (cookies de rastreo). Puedes decidir por ti mismo si quieres permitir el uso de las cookies. Ten en cuenta que si las rechazas, puede que no puedas usar todas las funcionalidades del sitio web.